HAI POUCOS monumentos á dispersión lingüística como a AP-9. Quizais sexa unha homenaxe a esta Galicia chea de minifundios, sexan viarios, aeroportuarios, universitarios ou mesmo dialectais. Para decatarse, abonda con ir atento aos carteis que van pasando. A toponimia é moi correcta (agás O Porriño, que nunca aparece co artigo), aínda que o uso dos idiomas é moi daquela maneira: Lavacolla e Peinador (escribo sobre o tramo que máis uso) poden ser ‘aeroporto’ ou ‘aeropuerto’, depende, aínda que o lugar onde nos cobran é unha peaxe, sempre en galego, e a maior obra de enxeñería da AP-9, os 1.558 metros da ponte de Rande, aparece rotulada tamén en galego. O máis rechamante non é o uso do galego, senón o dos acentos gráficos. Son os grandes sacrificados, aínda que tamén depende: San Simón (área de servizo ou, como poñen absolutamente todos os carteis, "area") consérvao nos arredores de Pontevedra; preto de Santiago, xa non. O mesmo ocorre coa área do Salnés. Padrón ten acento na súa saída, pero, aos poucos metros, Herbón, non. Marín acentúase graficamente; Vilagarcía, non. Iso si: os carteis (con problemas de condensación nocturna) que indican como se chama esta estrada de xestión privada están correctamente acentuados: Autopista del Atlántico. Os acentos non son cuestión menor, como ben saben, sen ir máis lonxe, na Dirección General de Tráfico… que non de Trafico.
Buscar
Comentarios