Opinión

82

82 ANOS cumpriu o meu pai esta fin de semana. Por eses días, os informativos falaban do histórico concerto duns septuaxenarios en La Habana. A miña avoa, que pasou os vinte últimos anos avisando da súa inminente morte, adoitaba exclamar un «Quen dará chegado alá» cando oía falar de xente de idade tan avanzada. En tempos, os setenta e os oitenta eran dúas idades pouco menos que inalcanzables: no medievo, con corenta eras vello, e non digamos con cincuenta. Eran outras épocas, outro ritmo de vida, outra medicina, outras contornas. Agora, en cambio, vemos publicidade do estilo «os cincuenta son os novos corenta», que intenta convencernos de que é posible cumprir anos e seguir sendo un rapaz. É unha soberana estupidez, tanta como pensar que a partir de certas idades (cincuenta, sesenta...) acaba todo. No fondo, é un asunto comercial: hai que facer negocio como sexa, comprar roupa de verán mesmo cando aínda non empezou a primavera. Os maiores (a palabra «vello» leva tempo prohibida) son tan bo nicho comercial como calquera. Unha vez conquistado o mercado dos bebés (vía pais e grazas ao declive demográfico), agora toca o dos que pasan da idade de xubilarse. E como cada día hai menos pequenos, pronto promocionarán casas non pola proximidade a colexios, senón a xeriátricos. Iso si, a lei de dependencia segue adelgazando; é mellor ser un Rolling Stone para ter unha boa vellez.

Comentarios