Opinión

Día do cocido

Tentando emular ao añorado Xavier Costa Clavell, voume atrever a facer unha crónica do que foi unha interesantísima xornada cultural e gastronómica. Por toda España e Portugal celebrouse o pasado día 21 de marzo o Día do Cocido, denominado en Internet –que era o medio para o que se facía- Cocido Day. Tratábase de reunir a xente do mundo da hostelería, do turismo e da comunicación en torno a un cocido e a unha serie de actividades propias de cada zona. E, ao mesmo tempo, de ir movendo nas redes sociais o que se ía vivindo.

En Chantada comezamos a mañá visitando a igrexa de Pesqueiras onde, grazas a Máis que Románico, aprendemos unha morea de aspectos sobre o propio templo e sobre o patrimonio e a historia da Ribeira Sacra. Despois desprazámonos á adega Vía Romana onde puidemos coñecer como se elabora, conserva e envasa o viño así como en que consiste o día a día dunha adega e do coidado dos viñedos.

En Chantada comezamos a mañá visitando a igrexa de Pesqueiras onde, grazas a Máis que Románico, aprendemos unha morea de aspectos sobre o propio templo e sobre o patrimonio e a historia da Ribeira Sacra

Pero como o título indica, o máis importante era o cocido. Foi no restaurante Os Pendellos onde puidemos desfrutar da comida e contrastar o que viramos pola mañá. Para empezar e como entrantes, sorprendéusenos cunha saborosa empanada de grelos e gambas e cunha sopa feita coa auga do cocido e acompañada de picatostes. Como cabía esperar, o prato principal non defraudou nin por ingredentes nin por preparación. Cachucha, costela, lacón, orella, grelos, castañas, garbanzos, patacas, chourizos, chofres e butelos deixáronnos máis que satisfeitos. Unha satisfacción que se viu corroborada polas galletas, a tarta de queixo e o brazo de xitano e co colofón dos arriscados e atinados coffee brew e coffee tonic que nos preparou o gran Damián Seijas.

Cómpre decir que o evento conseguiu amplamente o seu obxectivo xa que durante o seu desenrolo chegou a ser o máis visto nas redes sociais, o que se coñece como 'trending topic'. As vantaxes e beneficios que reporte ás empresas que se prestaron desinteresadamente a participar nel hanse ver nos vindeiros meses, pero coido que xa en Semana Santa se pudieron apreciar.

Un éxito de organización de Kris Pereira´s e un día de enchenta física e espiritual que nos levou a decir, como Costa Clavell, “para vivir así…é mellor non morrer nunca”.

Comentarios