Opinión

A cuba 512

O 20 de xaneiro de 2022 quedará na memoria da Mariña por ser a data na que se pechou a última das cubas de Alcoa San Cibrao, a cuba 512. Encolle o corazón pensar nos traballadores e nas traballadoras que durante días foron apagando, unha tras outra, as 512 cubas, o pulmón da única fábrica de aluminio primario de Galiza e do conxunto do Estado.

Non é difícil imaxinar como se sentirían, as emocións encontradas, a preocupación polo futuro, o peso dunha decisión que deixa en suspenso o referente industrial dunha comarca e factoría clave no País. Quero trasladarlles todo o meu recoñecemento pola coraxe coa que loitaron durante tanto tempo, baixo ese combativo A Mariña sálvase loitando coreado por toda unha comarca, e ao voso lado o BNG, con coherencia e sen dar nin un paso atrás. O digo con humildade pero co orgullo de tervos acompañado durante a loita, na rúa e nas institucións, levando as vosas demandas aos concellos, á deputación, ao Parlamento, ao Congreso.

Sei que o resultado non é o desexado e diso son responsables o Goberno central e o Goberno da Xunta, incompetentes e incapaces de tomar a decisión que tería despexado o futuro da Mariña: a intervención pública para asegurar a produción e o emprego, unha nacionalización como a que teñen feito gobernos europeos do noso entorno, Portugal, Alemaña, Italia. 

O BNG confía en Galiza e confía na Mariña e por iso defendemos a capacidade desta comarca para desenvolver proxectos industriais

Por que en Galiza non, por que na Mariña non? Por falta de vontade política do Goberno de Sánchez e de Feijóo que non moveron un dedo, en particular un presidente da Xunta especialista en buscar culpables pero incapaz de aportar solucións, e aí está o triste saldo de 17.400 empregos perdidos no sector industrial durante os seus mandatos. PP e PSOE nun novo caso de discriminación con Galiza porque, alguén pesa que este sería o resultado se Alcoa estivese en Madrid? 

Se Galiza tivese un goberno que confiase no seu potencial poderíamos estar a celebrar que na Mariña se abre unha nova factoría, se liberaliza o dique norte ou se inaugura a autovía A-74. Pero cun presidente que pensa Galiza en pequeno, estas son as consecuencias. 

As forzas estatais volveron fallarlle A Mariña, atrás quedaron as fotos, as visitas ministeriais, os anuncios e as promesas incumpridas, as declaracións esquecidas unha vez instalados na Moncloa, a falta de propostas dun presidente da que ten plenas competencias en industria. Ao contrario, a súa única aportación foi o contumaz veto á intervención pública ou a tarifa eléctrica galega que propón o BNG para beneficiarnos de ser produtores de electricidade.

O BNG confía en Galiza e confía na Mariña e por iso defendemos a capacidade desta comarca para desenvolver proxectos industriais, ter infraestruturas do século XXI, dispoñer dunha sanidade pública digna e, en definitiva, defendemos que a veciñanza desta comarca e de toda a provincia ten dereito a un futuro no que poder vivir e traballar na súa terra, con dignidade e benestar social. O meu compromiso é que o BNG seguirá loitando ao voso lado, man a man, por ese futuro.

Comentarios