Opinión

Xoaniña levanta o voo

Un xogo infantil representa a débeda histórica de Sarria co barrio das Insuas

Parque infantil en el barrio sarriano de As Insuas. EP
photo_camera A xoaniña, cando estaba no parque das Insuas. AEP

O BARRIO das Insuas de Sarria está castigado. Non se alcanza a entender as razóns polas cales esta zona da vila —que o tería todo para prosperar pola súa proximidade ao centro e a súa situación xunto ao río— está tan esquecida dende hai anos. Malia que foron moitos os proxectos que para alí se anunciaron, todos acabaron caendo no esquecemento, o mesmo no que se sumiu un barrio co que Sarria ten unha débeda histórica.

Botando a vista atrás, hai xa dez anos que se planteou construír nas Insuas un moderno edificio para centralizar os servizos agrarios, gandeiros, forestais e da loita contra os incendios, cuxo custo se calculaba naquel entón nuns 800.000 euros. Pero pouco durou a alegría. Uns meses despois xa se falaba de levantar a nova infraestrutura no campo da feira e aínda hoxe é o día no que non viu a luz nin nun lado nin noutro.

O seguinte caramelo que lle acercaron aos beizos foi a piscina climatizada, ese eterno proxecto que segue á espera de entrar en servizo. Mesmo houbo un acordo plenario para facela nas Insuas, pero de pouco valeu. O barrio non chegou nin a catar o doce sabor de tal agasallo. Os terreos foron catalogados coma inundables pola Confederación Hidrográfica e, con ese documento na man, o goberno do momento trasladou o proxecto á área do Chanto.

As consecuencias deste cambio de planteamento foron aínda maiores do que cabía agardar. As Insuas non só quedou sen piscina, senón que as parcelas que foran permutadas para construír esta obra comezaron a ser reclamadas por algúns propietarios. O xulgado deulle a razón a unha das afectadas e obrigou ao Concello a devolverlle o seu terreo, nas mesmas condicións nas que o tiña antes da permuta forzosa. A situación complicouse porque xusto nunha parte desa parcela se instalara un parque infantil no 2012, unha das poucas actuacións de mellora dos últimos anos.

A devolución do terreo obrigou a actuar no parque pero, en lugar de reorganizar os xogos, varios deles foron retirados das Insuas e instalados noutros puntos de Sarria. A tirolina mandouse para a Praza da Vila e un xogo con forma de xoaniña acabou en Oural. A decisión, cualificada de "espolio" pola oposición, valeulle á alcaldesa e o seu goberno a terceira reprobación do pleno durante este mandato, tras os acontecementos da Noite Meiga e a renuncia a solicitar unha subvención para a área de rehabilitación do casco histórico.

Máis alá da anécdota, o desafiuzamento da xoaniña engloba en si un símbolo desa débeda coas Insuas, onde tamén quedou a medio facer o anfiteatro soñado polo escultor e Fillo Predilecto de Sarria José Díaz Fuentes. De cara ao futuro plantéase para a zona unha actuación de mellora do parque e mesmo a posibilidade de construción dunha gardería pública. Oxalá algún dos proxectos chegue a bo porto, porque vistos os antecedentes moito nos tememos que aquilo acabe representando, como dicía Sabina, "lo que pudo haber sido, lo que nunca será".

Técnicos para todo
ABRAIA A capacidade dalgúns políticos para botar balóns fóra. Cando as cousas van ben, o mérito é propio, pero cando unha xestión queda en entredito sempre hai algún técnico que non estivo acertado á hora de redactar un decreto ou que andaba na verza cando se instalaron uns depósitos de gas nuns terreos municipais. Iso si, cando a actuación técnica refrenda a tese política son exhibidos coma paradigma. 

Medalla Castelao
A PETICIÓN da Medalla Castelao para o crego e musicólogo Xesús Mato Mato, Fillo Predilecto do municipio de Paradela, segue sumando adhesións. O pleno de Sarria vén de aprobar por unanimidade unirse a esta solicitude, que conta xa con 1.200 apoios, entre eles a Federación de Asociacións Veciñais de Lugo, a Denominación de Orixe Ribeira Sacra, a Fundación Penzol ou a Irmandade Manuel María.

Medio século
O MES DE maio deparará en Sarria dúas celebracións de aniversario. Son xa 50 anos de historia os que van conmemorar a Sociedade Deportiva Sarriana e o colexio de La Merced, dous referentes no ámbito do deporte e do ensino, respectivamente. A primeira cita será o día 5 cunha carreira popular e xuntanza de antigos alumnos e a segunda o 25, con homenaxes a históricos do fútbol local.

Comentarios