Opinión

Todo pola pasta

Retribucións de funcionarios e políticos veñen sendo motivo de discrepancia en Sarria
 

Billete de 500 euros. AEP
photo_camera Billete de 500 euros. AEP

MÁIS ALÁ de ideoloxías de dereitas ou de esquerdas, hai unha cuestión que vén dividindo sistematicamente a goberno e oposición no concello de Sarria: os cartos. Este asunto tan material estase a converter nun dos principais cabalos de batalla nas sesións plenarias, nas que, lonxe do que cabería esperar, non se debate sobre diñeiro aplicado a proxectos comúns senón a petos particulares.

A famosa praza de tesoureiro con habilitación de carácter nacional, aquela que motivou unha suspensión de pagos inédita, foi un claro exemplo das discrepancias en materia salarial. Dende os grupos da oposición forzaron cos seus votos unha rebaixa na retribución duns 15.000 euros anuais, acordo para o cal o goberno vén planteando dende hai xa uns meses unha revisión de oficio que non atopa quórum suficiente.

Unha situación moi similar reproduciuse hai só unhas semanas, cando o pleno —tamén cos votos da oposición coa excepción do concelleiro popular Manuel Sangil, que curiosamente tivo que ausentarse nese intre— acabou fixando en 8.000 euros o complemento específico para unha funcionaria (o que supón 9.000 menos do que se propoñía nun comité de valoración).

A diferencia de criterio entre uns e outros é clara. Mentres a oposición sostén que se ve obrigada a actuar deste xeito para defender os intereses xerais de Sarria ante propostas salariais "desproporcionadas", o goberno defende que estas cantidades veñen regra e respaldadas por informes técnicos.

O asunto (outro máis) leva camiño de acabar no xulgado. Tamén alí se está a dirimir un recurso presentado pola alcaldesa socialista e a concelleira de urbanismo, non asdcrita, contra o acordo plenario do mes de xullo do 2016, polo cal se lle rebaixou o soldo á primeira ata os 22.650 euros brutos anuais (un 30% menos) e a segunda ata os 5.000 (unha redución do 45%), igualándose así ao que cobraba o anterior alcalde de Sarria e os concelleiros que tiñan adicación parcial no último mandato.

Estas cuestións de índole salarial son profusamente abordadas nos plenos da corporación, nos que se bota en falta outros debates, tamén en materia de economía pero cun carácter menos particular e maior transcendencia pública. Aí está o tema da piscina climatizada, que se calcula que lle custará ás arcas municipais como mínimo 140.000 euros ó ano, ou a reapertura de Ponte Ribeira, esa entelequia que, a falta de convenio coa Confedración Hidrográfica do Miño-Sil, segue sen financiamento claro máis alá dos 150.000 euros comprometidos hai tempo pola Deputación.

Tamén faría falla unha planificación clara de actuacións para ir acometendo de xeito paulatino a rexeneración das deterioradas rúas do casco urbano ou un estudo económico sobre proxectos que foron quedando no tinteiro como a consecución dese museo ou dese auditorio que nunca chegou a ter Sarria. Pero para iso precísase unha visión global do que queremos que sexa a vila do futuro. E neste punto fáltanos xestión, acordos... e cartos.

Comentarios