Opinión

Sarria Champions League

Pablo López Barrera, autor de célebres frases en política, convértese en mecenas de fútbol

Pablo López, con el trofeo de la Sarriana de campeón de la Primera Autonómica. PORTO
photo_camera Pablo López, xunto a Manuel Sangil, co trofeo que gañou esta tempada a Sarriana. PORTO

SE HAI alguén en Sarria experto en xerar golpes de efecto ese é Pablo López Barrera. O exconcelleiro do Partido Galeguista, a quen se deben algunhas das frases máis célebres da política sarriá, volveu dar mostras da súa mestría nesta arte e, reconvertido en mecenas de fútbol, deu a badalada coa contratación do Combo Dominicano para a festa de ascenso e celebración do 50 aniversario da SD Sarriana.

"En este mundo tan complicado, si no nos damos a conocer, no existimos", dixo no seu discurso. Referíase á importancia de levar o nome de Sarria por toda Galicia coa práctica deportiva, pero esta mesma filosofía é a que vén aplicando nas súas variadas facetas. Persoa moi coñecida en Sarria, foi no 2007 cando se presentou coma candidato do PG cunha campaña que non deixou indiferente a ninguén. Con música de Los Tamara polas rúas da vila e mitins con grandes postas en escena, Pablo López lanzou propostas coma aquel "bistec" gratis para a Festa dos Maiores ou a xa famosa "piscina olímpica" e non "unha pileta".

O seu voto foi decisivo para formar o goberno tripartito con PSOE e BNG, con Claudio Garrido coma alcalde, nunha etapa na que López Barrera exerceu coma concelleiro de urbanismo e lanzou o Obrabús, co que invitou aos veciños a percorrer o concello para amosarlles as actuacións daquel mandato, rematando con pinchos e, como non, música. No 2011, no que as urnas non lle foron favorables, volveu á carga con outra campaña electoral a ritmo de Lambada e con grandes lemas como "nin Barça, nin Madrid, Pablito Champions League".

Afastado da política dende hai tempo, Pablo López converteuse nesta tempada en mecenas do club de fútbol da vila e adaptou ao deporte algunhas das dúas frases estrela. "Nin Barça, ni Real Madrid, Sarriana Champions League", proclamou na festa de ascenso a Preferente da sociedade deportiva, na que o nome deste veterano socio foi coreado polos múltiples asistentes.

Nesta implicación de López Barrera coa Sarriana ten moito que ver a figura do concelleiro Manuel Sangil, actual presidente da sociedade deportiva, co que mantén unha estreita relación dende hai máis dunha década. Na etapa na que Sangil foi presidente das Novas Xeracións, Pablo López financiou as ceas da agrupación xuvenil do PP, e a boa sintonía entre ambos nin sequera se perdeu cando na corporación se sentaron en bancadas distintas, un no goberno tripartito e outro na oposición cos populares.

Nun contexto político que tanto forma inimigos coma estranos compañeiros de viaxe, López Barrera e Sangil demostraron ser un dúo sólido. O concelleiro non oculta o seu agradecemento a quen foi o seu patrocinador e "nunca lle fallou", e o socio da Sarriana responde con louvanzas ao seu labor no club. Comparten, ademais, descontento co presidente do PP en Sarria, que xa levou a Sangil hai meses a pedir un congreso no que postularse como alternativa a José Antonio García. Xuntos fixeron o camiño da política ao deporte e non sería raro que xuntos emprendesen o de volta.

Frío encontro
SE BOA é a relación entre Pablo López e Manuel Sangil non se pode dicir o mesmo da que manteñen a alcaldesa de Sarria, Pilar López, e o secretario xeral dos socialistas lucenses, Álvaro Santos, a xulgar pola frialdade do encontro entre ambos na visita a Sarria do primeiro coma deputado de relacións institucionais con motivo do convenio polo cal o ente provincial aporta 40.000 euros para restaurar a galería de La Unión.

Triplete no pregón
A ESCULTORA sarriá Violeta Bernardo fará un triplete coma pregoeira nun prazo de pouco máis dun ano. A artista, quen tamén foi mestra durante décadas no colexio de La Asunción, deseñadora das alfombras de Corpus e concelleira polo grupo socialista, será a encargada de abrir as festas de San Xoán o día 21. O pasado ano tamén foi elixida para dar o pregón da Semana Santa e o discurso de arranque á Noite Meiga.

Efectos da moción
A MOCIÓN de censura que vén de desaloxar a Mariano Rajoy terá un primeiro efecto en Sarria na celebración das Xornadas Xurídicas, que abordarán os vindeiros días 15 e 16 o presente e o futuro da responsabilidade civil. No acto de inauguración estaba prevista a presenza do que era secretario xeral técnico do Ministerio de Xustiza, quen lle confirmou ao Concello que non acudirá ao cesar no seu cargo.

Comentarios