Opinión

San Xoán D.O.

As festas grandes de Sarria acertan na aposta por darlle protagonismo aos artistas locais

Actuación de la banda de música de Sarria. AEP
photo_camera Actuación da Banda de Música de Sarria durante as festas de San Xoán. AEP

AS FESTAS de San Xoán de Sarria véñense caracterizando dende hai xa tempo por unha aposta polo talento local, que fan destas unhas celebracións con Denominación de Orixe. Que mellor momento que os festexos patronais dun pobo para darlle a oportunidade de subir ao escenario a formacións emerxentes ou para gozar do bo facer de sarriaos que triunfan polo mundo e que non sempre teñen ocasión de actuar na súa vila.

Dende o propio cartel, elaborado pola veciña Eva Pombo, ata o libro das festas —este ano con sentida mención ao xa desaparecido Ramón Díaz Lorente, que tantos quilómetros percorreu por toda a contorna anunciando por megafonía a chegada do San Xoán— todo nestes días está pensado para unha reivindicación do propio.

Así, o concerto de Abraham Cupeiro será un dos atractivos duns festexos nos que tampouco faltarán as actuacións da Banda de Sarria, de asociacións da vila, de Louband ou Eoas, de orquestras con músicos locais ou os bailes cos cabezudos enraizados na historia e no presente deste municipio.

De oportuno pode cualificarse tamén o cambio no método de organización das festas, que deixaron de depender de asociacións para ser promovidas directamente dende o Concello. Elimínanse así as eternas polémicas doutros anos, nos que veciños que se prestaban con boa vontade a desenvolver este traballo, poucas veces recoñecido, acababan por verse no medio dunha liorta política na que uns e outros utilizaban como arma a xustificación de gastos das patronais. Iso por non falar das continuas reclamacións da Sociedad General de Autores e Editores (SGAE), que aínda hoxe é o día no que segue intentando cobrar do Concello por actuacións de hai anos.

Ingresos como as taxas que teñen que aboar as barracas pola súa instalación no recinto feiral páganse agora directamente á administración local, o que contribúe a unha maior transparencia. En base a ela tamén sería conveniente que, unha vez finalizados os festexos e realizado o balance económico, se publicitase a relación de gastos dos arredor de 75.000 euros de orzamento co que contan as festas, incrementados con outras partidas da área de cultura.

Á falta dun recinto amplo para a celebración de tan arraigados festexos, o San Xoán de Sarria pasou xa por varias localizacións, algunhas con máis pena que gloria, para acabar volvendo ao tramo central da vila. Desta volta as novidades serán a suma dun novo escenario na praza de Santa Mariña, que pode ser interesante por canto potencia a zona histórica, e o traslado das atraccións, que antes se poñían en Outarela e que, pola condición desta como terreo "privado", irán xunto á piscina cuberta, nun cambio cuxo resultado é unha incógnita.

De cara a vindeiras edicións, o que si sería importante é planificar os festivos locais para evitar situacións como a deste ano, no que, ao caer San Xoán en domingo, en lugar de pasalo ao luns se elixiu como festividade o martes de Entroido, data na que en Sarria non se celebra ningún acto.

O espello de Ribadeo
O BNG de Sarria, que vén de proclamar ao tenente de alcalde, Efrén Castro, como candidato para as vindeiras eleccións municipais, mírase no espello de Ribadeo, concello co que Sarria comparte tamén secretario municipal. Os nacionalistas aspiran a seguir a traxectoria de Fernando Suárez Barcia, que estivo de tenente de alcalde nun goberno presidido por un socialista e acabou coma rexedor con maioría absoluta.

Servizo 24 horas
NA SÚA despedida como inspector xefe da Policía Local de Sarria, Francisco Lara avogou pola recuperación das patrullas as 24 horas todos os días do ano, dotando para iso ao cadro policial de persoal dabondo mediante a creación de novas prazas. A reivindicación coincide co sentir maioritario cidadá, que segue vendo na seguridade un servizo básico, pasado xa un ano e medio da suspensión dalgunhas quendas de noite.

A cara e a cruz
A ACTUALIDADE do Incio deixou unha cara e unha cruz. A nova positiva foi o anuncio do Concello da recuperación do servizo de gardería de cara ao vindeiro curso, debido a un pequeno repunte na natalidade e a existencia de demanda entre as familias. A cruz foi a descuberta por parte do investigador Xabier Moure de danos na chamada Pedra do Tempo, o que proba que aínda falta máis concienciación co patrimonio.

Comentarios