martes. 26.05.2020 |
El tiempo
martes. 26.05.2020
El tiempo

Reflexión sobre o conflito

MENTRES SARRIA se conxela coas temperaturas máis baixas de Galicia, a vida política municipal segue en plena ebulición, coma unha enorme fogueira de San Xóan que se alimenta case en exclusiva do conflito.

A confrontación da alcaldesa co oficial da Policía Local ou a polémica pola intento de asimilación dos doce funcionarios máis antigos ao réxime da Seguridade Social acaban por ser unha cortina de fume sobre a falta de avances noutros asuntos de interese xeral ou mesmo o retroceso en determinados aspectos, como a eliminación de patrullas nocturnas policiais de domingo a xoves que entrou en vigor este ano.

Tras 20 meses de goberno, a bagaxe redúcese á instalación de caldeiras na piscina, a recuperación da Feira de San Isidro, a regulación das terrazas de hostalería, varios reveses xudiciais, un muro sen licenza e unha serie de acordos plenarios incumpridos. O resto entraría dentro da xestión ordinaria dun Concello, algo que agora tamén quedou en entredito coa paralización de pagos por falta de tesoureiro habilitado.

A problemática ten a súa vertente política por canto a oposición votou en contra da creación dunha praza que resulta obrigatoria, pero non deixa de ser chamativo que outros concellos nunha situación similar manteñan a súa actividade ou, cando menos, non trascendese maior conflito por esta causa.

Dada a relevancia dun servizo básico municipal coma este, e ante as dúbidas xurdidas nas últimas horas sobre o desbloqueo de pagos co decreto de alcaldía, sería de agradecer que, por parte de quen corresponda, se poñan os medios para dar solución canto antes a un tema que non deixa a Sarria en bo lugar e que xenera mala imaxe ante proveedores, nun Concello cuxos pagos non son precisamente dos máis áxiles.

Tamén no ámbito económico, o procedemento para o aluguer dunha nave que aumentará o custo para as arcas municipais ata 153.000 euros nos vindeiros catro anos non fai máis que nutrir esa gran fogueira mentres Sarria segue sen orzamento e cuestións de infraestruturas ou urbanismo mantéñense paradas.

Así, hai xa meses que se falou nun pleno de convocar unha reunión entre todas as parte implicadas no bloqueo de Ponte Ribeira, mais non se coñeceron avances ao respecto, como tampouco se coñeceu ningún novo paso para resolver a polémica creación dunha canceira na Rúa do Porvir, cuxa «provisionalidade» vai camiño de cumprir un ano. Os veciños desta zona cóntanse entre os afectados por unha política de conflitos que pouco beneficia a Sarria.

Reflexión sobre o conflito
Comentarios