Martes. 24.04.2018 |
El tiempo
Martes. 24.04.2018
El tiempo

Os pratos rotos

O desaguisado de Ponte Ribeira acabará repercutindo no peto de todos os sarriaos

Ponte Ribeira de Sarria, cortada dende 2014. AEP
Ponte Ribeira de Sarria, cortada dende 2014. AEP

TRES ANOS e medio leva xa cortada a Ponte Ribeira de Sarria, dividindo a vila en dúas partes, afectando ao Camiño de Santiago e xerando inconvenientes para os veciños en xeral e os negocios da zona en particular. Coma se o peche non causara xa suficientes prexuízos á cidadanía, a reapertura da ponte será sufragada cos cartos de todos os sarriaos, que acabarán pagando os pratos rotos dun pulso entre administracións públicas.

Resulta difícil entender como unha ponte que foi derrubada dentro do plan de encanamento do río Sarria executado pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil quede sen financiamento por parte deste organismo para a súa reconstrución. Os 350.000 euros que ía achegar a CHMS ‘voaron’ porque, segundo a súa versión, existe «inseguridade xurídica» para facer a obra debido ao plan especial do casco histórico e do Camiño de Santiago que tramitou o Concello de Sarria.

Visto dende fóra esta tese perde forza toda vez que ese plan especial non superou o trámite de aprobación no pleno hai xa varios meses. Pero, aínda así, sempre quedará a dúbida de que tería pasado se o Concello accedera no seu día ás peticións da CHMS.

Por outra banda, se o goberno ten tan claro como di que o plan especial non é ningún obstáculo para Ponte Ribeira e que hai multitude de informes que así o avalan, por que non lle esixe xudicialmente á CHMS que acometa a obra co financiamento comprometido? Por que asume unha actuación que non sería da súa competencia sen ter cartos para iso? Terá algo que ver a proximidade da nova cita electoral?

Ninguén en Sarria cuestiona que a reapertura de Ponte Ribeira é prioritaria, pero iso non oculta os despropósitos que rodean este caso e que van converter o Concello no promotor dun proxecto (o mesmo que tiña a CHMS) co cal o goberno se mostrou crítico.

Agora entran as présas e, nunha estratexia política, dende a administración local poñen na palestra á Plataforma Sarriana polo Río, querendo facer ver que se persiste nas alegacións será a culpable dun novo retraso, coma se os 15 días que hai de prazo para consultar as partes fosen determinantes cando aínda faltan por reunir os 500.000 euros para poder licitar a obra.

E de onde van saír estes cartos? Pois 150.000 da Deputación Provincial de Lugo e o resto parece que das arcas municipais. Á espera de que o goberno local concrete nos vindeiros días a procedencia deses fondos, barállanse como opcións un hipotético superávit da conta xeral do 2017, unha modificación ou operación de crédito ou mesmo os ingresos obtidos hai varios anos pola venda dun piso en herdanza no centro de Madrid, condicionados a investimentos sociais ou culturais.

Nos últimos tempos non se recordan obras de medio millón de euros en Sarria, un concello onde son múltiples as necesidades sen cubrir. Pero, como ocorre tantas veces, nin funciona a lóxica nin a sabedoría popular porque, aquí, quen as fai non as paga.

Enerxía eólica
ATA TRES parques eólicos están previstos na comarca sarriá para a súa posta en marcha no ano 2020. Un deles afecta aos concellos de Láncara e Triacastela e os dous restantes a Paradela, un dos poucos municipios galegos con participación nun destes proxectos, o que repercutirá en ingresos para as súas arcas municipais. En conxunto, calcúlase un investimento de 72 millóns de euros para construír 32 aeroxeneradores.


Mercados do antigo
OS PROFESIONAIS do sector das antigüidades de Sarria impulsarán unha interesante iniciativa consistente en organizar pequenos mercados na Rúa do Porvir. Porán así en valor unha zona histórica da vila, na que vén de celebrarse con éxito a Feira de Antigüidades, onde chamou a atención que non acudisen representantes da Deputación, ausencia que algúns interpretaron como falta de sintonía co goberno.

Casa das Arsenias
A CASA das Arsenias ou dos Ulloa, edificio público da Rúa Maior, recibirá 50.000 euros do plan único para frear un deterioro que non pasa despercibido na principal vía do casco histórico. Dende o Concello solicitan unha axuda á Xunta para executar outras obras de rehabilitación no inmoble. Sería positivo que ambas administracións, que durante anos se pasaron mutuamente a propiedade da casa, colaborasen por fin no seu arranxo.
 

Os pratos rotos
Comentarios