Opinión

Obras son amores

As actuacións con investimento público na localidade de Sarria brillan pola súa ausencia

Baches en el bulevar de la calle Calvo Sotelo de Sarria.EP
photo_camera Fochancas no bulevar da Rúa Calvo Sotelo de Sarria. EP

CALQUERA PERSOA persoa que goce no seu tempo libre da contemplación de obras públicas escusa dar un paseo por Sarria. A única opción que lle queda para non sucumbir ao aburrimento é apostarse na Praza da Vila para observar como os alumnos-traballadores do obradoiro de emprego acondicionan o pavimento.

E non será porque non haxa onde investir. Abonda con ver o estado dos pasos de peóns, dos parques ou das beirrarúas. Sen ir máis lonxe, o céntrico bulevar de Calvo Sotelo clama por un arranxo da calzada. Hai só uns días unha muller que se dispoñía a subir a un coche tivo a mala sorte de meter o pé nunha fochanca, coa profundidade suficiente como para retorcelo e caer na rúa. Agora anúnciasenos no último pleno que está prevista unha actuación "completa" na zona, para a cal se están "barallando" dúas opcións e que se acometerá "cando o tempo sexa adecuado", agardando que resulte máis acertada que os pegotes do ano 2016.

Os datos sobre a ausencia de obra pública en Sarria son elocuentes. Segundo as cifras que manexa a delegación da Asociación Provincial de Empresarios da Construción, baseadas nun informe da federación galega do sector, entre xaneiro e setembro do pasado ano o Concello sarriao licitou só 66.902 euros, unha redución drástica con respecto aos 154.831 do mesmo período do 2016.

E o asunto non parece que vaia mellorar en gran medida. Cuns orzamentos que están prorrogados dende o ano 2015, o goberno segue sen presentar unha proposta propia que permita coñecer a súa folla de ruta. Así as cousas, o único investimento de certa relevancia que se albisca é a primeira fase de ampliación do cemiterio, obra necesaria por canto hai veciños que levan anos agardando por un panteón, e para a cal existe proxecto aprobado e partida orzamentaria.

Polo demais, cando a Deputación Provincial de Lugo acaba de presentar un novo plan único para os concellos, no caso de Sarria aínda están sen investir a maior parte dos 500.000 euros que lle corresponderon dentro deste mesmo programa no 2017. Case a metade destes fondos están comprometidos para a mellora da Rúa Diego Pazos, entre os cruces da Avenida e A Ciguñeira, unha actuación cun retraso de seis meses que o goberno atribúe á falta dun permiso autonómico. Pero tampouco saíron a contratación outras melloras previstas no mesmo plan provincial do pasado ano, coma o subministro de material por importe de 57.000 euros para a residencia de maiores Nosa Señora do Carme.

Do mesmo xeito, mentres outros concellos da comarca coma O Incio ou Triacastela –vinculados ao Grupo de Desenvolvemento Rural Ribeira Sacra-O Courel– xa acometeron obras sufragadas con fondos Leader, no caso de Sarria nada se coñece de actuacións con cargo a estes plans.

E iso por non citar a existencia dunha piscina que vai para cinco anos rematada e sen entrar en servizo, dunha ponte que supera os tres anos cortada e dun desdobramento do corredor para o que só se presupostan de novo este ano 250.000 euros.

Comentarios