Opinión

'House of Cards', versión sarriá

LEVAN MESES recomendándome ver a serie ‘House of Cards’, pero nunca atopo tempo. Seica é unha produción sobre as ansias de poder político, coa prensa de por medio, cunha trama con personaxes inzados de ambición na que intrigas e traizóns son a base para crecer a calquera prezo e destruír ao inimigo.

Lembrei que tiña pendente esta serie tras o acontecido nos últimos días na vida política de Sarria. Véxase como exemplo a xogada mestra para cargarse a oficina de cooperativismo. Paso número un: o Concello sarriao solicita por carta a Paradela, Triacastela e Láncara que se adhiran ao convenio para renovar o servizo cun cofinanciamento. Paso número dous: en conversas telefónicas dinlles que Sarria non ten intención de pedir esa subvención e, en consecuencias, non fai falla que respondan aos escritos. Paso número tres: Sarria solicita a axuda contra prognóstico e pouco despois desiste de seguir coa tramitación alegando que os outros concellos non contestaron. Xaque mate. Adeus á oficina, a un posto de traballo, e culpas para os demais. Gran estratexia, pero falta de ética.

Se por algo tan nimio se toman estas molestias, que non farán cando está en xogo o poder? Que fíos non se moverán por promover ou no seu caso evitar unha moción de censura? Pois nesas estamos, nun esperpento, cun Concello paralizado no que os protagonistas que hai un ano prometían renovación e novos aires na política só trouxeron máis do mesmo, pero coa crispación multiplicada.

Sarria ten un PSOE que, con catro concelleiros, actúa coma se gozase de maioría absoluta, apoiado por un BNG recluído na súa parcela, un PP que non é quen nin de resolver loitas internas, dous edís de CxG cuestionados por cambiar de rumbo e un independente que, no medio do caos, lanza o órdago de postularse para alcalde.

Como xa había poucos actores nesta trama apareceu pola vila o secretario xeral de CxG para expulsar aos seus concelleiros, «inhabilitar» unha moción e leccionar sobre cómo se debe facer política, lonxe «das cloacas e dos sumidoiros». Bonito discurso, mais chega algo tarde. Por que non dixo nin pío no último ano? Será que agora están próximas novas citas electorais, ou que hai intereses para manter o goberno de Sarria e así preservar outros concellos? Mentres, os cidadáns asisten estupefactos a un espectáculo sen precedentes que traerá consigo, pase o que pase, tempos difíciles na vida municipal, onde chegar a algún punto de acordo semella unha entelequia tras as conspiracións das últimas semanas.

Vendo a realidade... para que apurarse en visionar unha serie de ficción?

Comentarios