Opinión

Estratexias electorais

O BNG marca distancias con respecto os seus socios de goberno en Sarria co tema da canceira

Reunión del diputado Xosé Ferreiro con vecinos de O Mazadoiro (Sarria). PORTO
photo_camera Reunión de representantes do BNG con veciños do Mazadoiro e Treilán. PORTO

A VISITA a Sarria realizada hai uns días polo deputado nacionalista Xosé Ferreiro axitou a vida política municipal e marcou para moitos o inicio da campaña electoral a máis dun ano vista. O motivo foi, unha vez máis, a canceira, esa bóla de neve que vai camiño de converterse no particular pesadelo da alcaldesa, a socialista Pilar López. E é que o refuxio canino non só motiva a maior contestación veciñal en Sarria dende os tempos do plan de encanamento, senón que, ademais, xerou diferenzas no seo do seu propio partido e acaba de ser utilizado polos seus socios do BNG para marcar distancias.

Os nacionalistas, que dende o inicio do mandato se caracterizaron por centrarse nas súas parcelas de goberno, deron un salto coa visita de Xosé Ferreiro para entrevistarse cos veciños do Mazadoiro afectados polo proxecto da canceira. Durante o encontro, o deputado acusou á rexedora de xestionar de xeito "neglixente" este refuxio, ao que López lle respondeu que o proxecto contara co visto bo do partido nacionalista.

Sería inxenuo pensar que Xosé Ferreiro recalou en Sarria para facer unhas manifestacións deste estilo á marxe por completo dos seus compañeiros na corporación municipal. Ou moita falta de comunicación hai entre o BNG provincial e o local, ou o deputado veu dicir pola súa boca o que os concelleiros nacionalistas non manifestan publicamente. Ou sexa, marcamos as diferenzas, pero seguimos tan amigos. E mentres, a alcaldesa, que tivo unha dura réplica para Ferreiro, tamén se coida moito de non aludir nas súas declaracións aos seus socios de goberno.

En todo isto bótase en falta que o BNG, se realmente pensaba o que agora parece que pensa, non se tivese pronunciado antes ao respecto da canceira. Houbo plenos nos que renunciou á súa quenda de palabra e nos que mesmo votou en contra de cambiar a ubicación. Aínda está fresco na memoria aquel receso sen precedentes nunha sesión plenaria, no que o equipo de goberno se retirou a deliberar para finalmente manter a mesma postura.

Todo parece indicar que, conforme se acerquen os comicios municipais do vindeiro ano, os nacionalistas irán marcando cada vez máis as distancias con respecto ao PSOE, a quen estes días tamén lle caeu unha reprimenda por parte de CxG. O secretario xeral deste partido, Juan Carlos Piñeiro Docampo, foi moi claro á hora de asegurar que non están dispostos a ser utilizados polos socialistas como medio de presión antes as súas divisións internas. "Non imos permitir que esa loita polo liderado na que está metido o PSOE de Sarria se xogue na nosa casa", dixo, en toda unha declaración de intencións.

CxG, que vén de presentar a agrupación local, tamén pón en marcha as súas propias estratexias, do mesmo xeito que o PP se centra agora en convocar reunións para informar de distintas liñas de axudas (xa van tres en Sarria) e Podemos xoga as súa bazas na rúa, cunha nova concentración polas pensións.


Arranxo de rúas

LIN CON sorpresa hai uns días unha noticia dos compañeiros da Ribeira Sacra, conforme o Concello de Monforte arranxara nos últimos tres anos máis de 40 rúas do casco urbano dentro dun plan de actuación municipal. Sei que as comparacións son odiosas, pero non puiden evitar poñerme a pensar cantas se repararan neste tempo en Sarria. O malo é que non me veu ningunha á mente.

Óscar Puente

O ALCALDE de Valladolid, Óscar Puente, é un dos valores en alza do PSOE e un político con carisma, como demostrou nunha visita a Sarria a finais do 2017. Xa no seu discurso de investidura falou do concello no que naceu seu pai e, na recente presentación da Semana Santa da súa cidade, volveu citar con emoción esas raíces sarriás -compartidas co escultor Gregorio Fernández-, algo que é de recoñecer.

Novos políticos

O POLÍTICA suscita interese entre os máis novos de Paradela, que se están incorporando nos últimos tempos á actividade pública. Dende as filas populares, amósase activo o tenente de alcalde, Martín López, mentres que no PSOE foi elixido recentemente como secretario local Iván Castro e outra moza, Laura Armesto, unirase en breve á corporación en substitución de Guillermo Castro.

Comentarios