Opinión

Estocadas na area

Os actos taurinos dividen aos políticos do Concello de Sarria, que rexeitou unha declaración oficial

Canales Rivera, durante una corrida de toros en Sarria. AEP
photo_camera Canales Rivera, durante unha corrida de touros en Sarria. AEP

CATRO ANOS despois da celebración da última corrida de touros de San Xoán en Sarria, a polémica está servida de novo coa proposta dun empresario de retomar este tipo de evento o día do patrón. Aínda que, por sorte, aquilo de ‘Sarria, la Sevilla gallega’ quedou moi anacrónico, o certo é que os touros seguen a xerar división entre os partidos, levan aparellado un importante compoñente político e serven para darse mutuamente algunha que outra estocada. Así, dependendo de quen teña responsabilidades de goberno, poden verse favorecidos, rexeitados ou ben acabar tirando por un camiño intermedio.

Promocionadas nas etapas do PP, e sen financiamento público cos gobernos de esquerdas, as corridas de San Xoán tanto mobilizaron a un grupo de hostaleiros para tomar as rendas da organización no 2009 coma a colectivos antitaurinos que responderon con protestas a todas as citas. Coas voces críticas soando forte, o Concello de Sarria non acaba de fixar unha postura definitiva coma institución ao existir posicionamentos dispares no seo da corporación.

Foi no ano 2015 cando se produciu un intento de declarar Sarria coma ‘Concello libre de touradas’, proposta que partiu do BNG e que non atopou respaldo suficiente. Nacionalistas e populares ‘molláronse’ coas súas opinións, nun pleno no que houbo tamén moita abstención. O popular Manuel Sangil defendeu naquela ocasión a "tradición" das corridas de touros en Sarria dende "o ano 1906", así coma o "cheo total" que rexistran. "Se vostedes nos catro anos de goberno fan un acto cultural, político ou deportivo, que meta 3.000 persoas cun custo de 5.000 euros que tiveron as touradas o ano pasado, pago eu do meu peto", retou. Pola banda nacionalista, Efrén Castro condenou "este tipo de espectáculos de maltrato animal" e tirou de símil: "por manter tradicións poderíase manter o circo romano e sacar os cristiáns aos leóns, xa que iso é unha tradición que xuntaba moita xente en Roma", dixo.

O asunto acabou por amosar a división de pareceres dentro do propio grupo de goberno, daquela aínda formado por PSOE, BNG e CxG. A moción, rexeitada polos seis concelleiros do PP presentes na sesión, tivo o apoio de catro votos (dous do BNG, Antón Fortes e Silvia Vázquez) mentres que Benjamín Escontrela e José Manuel Bello (de IG) se abstiveron, ao igual que os catro edís socialistas, os cales alegaron que xa había un punto específico no pacto de goberno para non financiar estes actos.

Malia que a abstención é unha postura politicamente moi correcta, sería desexables que todos os representantes públicos amosasen ás claras a súa opinión nestes temas para que o cidadán saiba con quen se identifica máis. Postos a absternos, chegamos a situacións insólitas coma aquel pleno sobre a exención do Ibi da Fortaleza no que nin un só edil tivo a ben posicionarse.

Agora, ante a solicitude de permiso para unha corrida de touros en San Xoán, déixase entrever que dependerá en gran parte duns prazos de tempo que van xustos. Vamos, o que se di unha abstención.

Desencontro permanente
NA LONGA lista de desencontros políticos na comarca de Sarria van camiño de obter un posto destacado e por méritos propios os lancaraos Darío Piñeiro e Santiago Cubillas. É rara a semana na que o alcalde socialista e o voceiro popular non protagonizan algún choque, o último deles por unha reunión na Coruña á cal, segundo Piñeiro, Cubillas foi sen estar invitado, asunto que acaba por salpicar tamén ao rexedor do Páramo.

Alimentos de Cáritas
A AGRUPACIÓN de Cáritas Interparroquial de Sarria vén de celebrar a súa asemblea e dar a coñecer o balance do importante labor social desenvolvido ao longo do pasado ano. Segundo estes datos, foron preto de 400 as persoas (67 menores) que recibiron alimentos por parte deste colectivo dada a súa situación de fraxilidade, cifra que, se ben supón un lixeiro descenso con respecto ao ano anterior, debería invitar á reflexión.

Día das Letras Galegas
NA SEMANA das Letras Galegas, nas que nunca tanto actos culturais e educativos houbo en Sarria coma este ano, cómpre lembrar a demanda para que se lle conceda tal día coma este ao poeta de Lóuzara Fiz Vergara Vilariño. A petición, que se vén repetindo desde hai tempo, conta co respaldo dos plenos de Samos e Sarria, ademais de colectivos coma Ergueitos, Sarricanta ou os comerciantes e artesáns samanenses.
 

Comentarios