Opinión

Era esta a nova política?

TIVEN QUE buscar no dicionario a definición da palabra «política» porque hai tantos días que non a vexo polo Concello de Sarria que case me esquezo do seu significado. E é que, por máis que se mire, non se atopa por ningún lado a «teoría, arte ou doutrina referente ao goberno dunha comunidade» nin tampouco a «cortesía» ou urbanidade no comportamento.

Cónstame que hai concelleiros, tanto no goberno como na oposición, que traballan polo interese xeral, pero tocoulles viaxar nun barco que vai ao encontro do iceberg. O acontecido no último pleno é a demostración de que, hoxe por hoxe, o que prevalece é a loita polo poder ou por manterse no poder. Nin o intento fallido de declarar unha incompatibilidade da concelleira Victoria López, nin a expulsión ao grupo de non adscritos dos edís Benjamín Escontrela e Antón Fortes nin a baixada de soldos da alcaldesa, Pilar López, e da concelleira de urbanismo, Silvia Vázquez, son temas que repercutan na mellora das condicións de vida dos sarriaos nin no progreso do municipio.

Os asuntos que coparon o pleno, máximo órgano de representación municipal, son o reflexo do complicado momento político que se vive. O que conta é cortar cabezas e destruír ao rival sen importar o dano persoal que se produza ou a imaxe que se traslada de Sarria, entrando nun camiño sen retorno e co dubidoso mérito de facer dos eternos enfrontamentos García-Garrido case un xogo de nenos.

Xerouse tal nivel de confrontación que neste intre semella imposible un mínimo acordo entre grupos, o cal dificulta a gobernabilidade dun Concello en minoría, que traballa con orzamentos prorrogados e que precisa de apoios para que as propostas do grupo de goberno non acaben, unha a unha, desbotadas pola oposición no pleno, tal e como aconteceu co proxecto de reforma da nave do mercado gandeiro.

Sería posible reconducir a situación e favorecer algún tipo de entendemento? Difícil, cando durante o último ano desde a alcaldía se sembraron ventos que se converteron en tempestades, cando xa se anuncian múltiples procedementos xudiciais por todas as bandas, cando o talante conciliador brilla pola súa ausencia e cando gran parte dos esforzos se adican a conspiracións.

E mentres os asuntos municipais se trasladan do pleno ao xulgado e temas importantes seguen á espera de resolución, cabe preguntarse: era esta a nova política que prometían os candidatos antes das eleccións? «Creo que os sarriaos non nos puxeron aquí para ir nesa liña», dixo o concelleiro independente José Manuel Bello durante o pleno. Boa reflexión.

Comentarios