Opinión

Distintivo turístico

O concello sarriao posúe dende o ano 2010 un recoñecemento que debe ser aproveitado e coidado

Peregrinos en la Rúa Maior de Sarria. EP
photo_camera Peregrinos ao seu paso pola Rúa Maior de Sarria. EP

COA CHEGADA da Semana Santa vívese un espertar en Sarria. Negocios que permanecían nunha letarxia espreguízanse para recibir a peregrinos e turistas mentres a Rúa Maior, adormecida durante o inverno, recupera pouco a pouco o seu pulso. Chega así a primeira proba dunha tempada que terá o punto forte nos meses de verán. Pero, estamos preparados para afrontala con éxito?

Dende decembro do 2010, Sarria ostenta a consideración de municipio de interese turístico galego, unha distinción que lle foi concedida, entre outros parámetros, en base ao seu amplo patrimonio e o elevado número de prazas de aloxamento que oferta. Tal recoñecemento merece ser aproveitado, pero tamén debe ser mimado nun concello que, ademais, ten un dos seus piares económicos no Camiño de Santiago.

A apertura da oficina de turismo de Vigo de Sarria, motivo de enfrontamento no último pleno, é un dos aspectos que se deberían reforzar. Pasados estes primeiros días nos que van ser os alumnos do obradoiro de emprego os que se encarguen da súa atención con prácticas supervisadas, será fundamental darlle continuidade a este importante servizo con traballadores especializados, sen deixalo a expensas, como ocorreu o ano pasado, de que en días puntuais vaian membros do grupo de goberno atendelo por falta de persoal contratado. Porque unha vez pode ser anecdótico, pero dúas sería sintomático de que algo non funciona.

O proxecto de apertura doutro punto de información turística nunha zona céntrica da vila como a Casa do Marqués axudaría tamén a ofrecerlle un plus ao visitante, do mesmo xeito que se poderían pór en marcha rutas guiadas ou potenciar outro dos recursos descoñecidos do concello: o románico. Preto de vinte igrexas espalladas por todo o termo municipal pertencen a este estilo e, segundo expertos coma Carolina Casal, fan desta unha das zonas monumentais de Galicia en arquitectura románica, esa mesma que con tanto éxito se dá a coñecer noutros puntos da provincia coma a Ribeira Sacra.

Coas principais igrexas do Camiño xa abertas para recibir ao peregrino, a ruta xacobea afronta esta Semana Santa outro test no que respecta á conservación do seu trazado. Hai só uns días xurdiron críticas polo mal estado que presenta na entrada a Sarria, un feito que non resulta illado porque, segundo se comentou en sesión plenaria, vai ser tratado nunha reunión da Mancomunidade de Concellos do Camiño Francés a principios de abril.

Polo demais, Sarria prepárase xa para celebrar, os vindeiros días 7 e 8, unha nova edición da súa Feira de Antigüidades, ese outro feito diferencial dunha vila que tamén se caracteriza por ter un importante mosteiro como é o da Magdalena. Para el se pediu no ano 2013 a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC), unha distinción sobre a que non houbo máis noticias.

A expectativa está agora na Noite Meiga, para a cal se prepara a solicitude de Festa de Interese Turístico, que poría o broche a un evento de case 50 anos de traxectoria.

Ponte Ribeira
NO ÚLTIMO pleno ordinario da corporación de Sarria saíu de novo a relucir a situación de Ponte Ribeira, pero non para buscar algún tipo de solución, senón para culparse mutuamente do prolongado peche, responsabilizando uns ao Concello e outros á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS). A este ritmo vai chegar o Ano Santo 2021 coa ponte cerrada e o Camiño cortado sen que a ninguén lle saian as cores.

Tempo de homenaxes
ACHÉGASE unha época de homenaxes na comarca de Sarria. En Samos, o vindeiro mes de abril será recoñecido pola súa traxectoria o empresario das castañas Jaime Fernández Lemos e en Paradela reclaman para o crego Xesús Mato a Medalla Castelao, distinción esta última que tamén recibiu no ano 2012 outro ilustre sarriao, o maxistrado Román García Varela, a quen se debe a celebración das Xornadas Xurídicas da vila.

Máis fochancas
A REPARACIÓN cutre do firme executada nos últimos días en varios puntos da vila de Sarria non resolve o problema dunhas fochancas que proliferan polas vías públicas, con independencia da administración á que pertenzan. Se chamativo é o caso do bulevar e do resto da Rúa Calvo Sotelo de Sarria, tampouco quedan atrás as imaxes que chegan dende A Pobra de San Xiao, co pavimento xunto a un paso a nivel minado de buratos.

Comentarios