Opinión

Diálogo versus imposición

CORREN MALOS tempos para o diálogo. Nunha sociedade cada vez máis aberta e plural dase a paradoxa de que somos menos capaces de chegar a entendementos. A política é un gran reflexo do que está a acontecer, tamén a pequena escala. No caso de Sarria, cun goberno en minoría do que cabería esperar altura de miras para chegar a acordos, a actuación da alcaldesa está a desencadear conflitos que parecen facilmente evitables se existise un talante negociador.

As duras declaracións da UXT contra a socialista Pilar López Yáñez, mesmo pedindo a súa dimisión baixo acusacións de «menosprezar » os traballadores e utilizar políticas «fascistas», son sintomáticas de que algo está a fallar.

A reacción do sindicato afín ao PSOE é o último capítulo dunha serie de acontecementos que comezaron mesmo antes da toma de posesión cos desacordos con Compromiso por Galicia-Concellos Transparentes (CxG-CCTT) e que seguiron co plantón da coalición
ao goberno por sentirse «ninguneada», coa unión da oposición en contra das propostas de alcaldía e coas críticas por retomar unha cea de Nadal á que, polo demais, apenas asistiron traballadores en sinal xa dun incipiente malestar que foi en aumento.

Os precedentes non son alentadores cando o que está por vir require a todas luces un esforzo de negociación para levar a bo porto proxectos importantes para Sarria. Un deles é a adquisición da Fortaleza, un proceso agora ligado á boa predisposición por ambas
partes, toda vez que o expediente de expropiación do histórico monumento e da finca que ocupa quedou anulado polo pleno.

E iso por non falar duns orzamentos que xa están prorrogados e sen visos de acordo para sacar adiante unha nova proposta, ou doutros asuntos de relevancia como o Plan Xeral de Ordenación Municipal, que require dun amplo consenso para a súa aprobación.

Cun goberno en minoría e escasa capacidade de manobra para acometer proxectos de calado, a acción da alcaldía está focalizada case en exclusiva nun afán polo que autodenomina facer cumprir a lei, empregando todos os medios ao seu alcance, incluída a denuncia contra un axente por suposta desobediencia e falta de respecto cuxo percorrido penal xa se verá.

Ninguén cuestiona que se cobre unha taxa pola instalación de terrazas, que se regule o horario nas oficinas municipais ou que se sancione a quen se salta as normas, pero tendo sempre presente que máis vale impoñerse pola razón ca pola forza ou as dotes de mando. Porque o liderazgo non é a autoridade que concede un cargo senón a valía persoal para gañarse o respecto sabendo xestionar.

Comentarios