miércoles. 28.07.2021 |
El tiempo
miércoles. 28.07.2021
El tiempo

Bye bye Fortaleza

A FORTALEZA de Sarria, ese símbolo da vila cuxa adquisición foi cobizada por todos os gobernos, semella moi lonxe de chegar a mans públicas. Os últimos acontecementos veñen a confirmar un lío urbanístico, unha falta total de prudencia por parte da máxima mandataria municipal nas súas manifestacións en sede plenaria, un desacordo entre os políticos sarriaos sobre o xeito de proceder e, en definitiva, ningunha folla de ruta nesta materia. Se a iso lle sumamos a paralización do proceso de expropiación e, neste intre, o bloqueo das negociacións coa familia propietaria, o horizonte certamente non se ve despexado dende o alto da histórica torre sarriá.

Hai que remontarse a principios dos anos 90 para chegar a unha modificación das normas subsidiarias de planeamento, pola cal se lle outorgaba ao conxunto dos terreos da Fortaleza a cualificación de solo dotacional, o que impedía construír. O cambio, que se deu por bo durante dúas décadas, queda de pronto en entredito, e non só porque así o sostén a familia senón tamén porque a propia alcaldesa en sesión plenaria vén a dicir que agora mesmo é zona «edificable» e que o valor da torre podería triplicarse. Vamos, que os 328.000 euros da taxación do Concello no ano 2015 poderían aumentar ata un millón, unha versión que non deixa de ser chamativa cando o conxunto aínda hoxe segue anunciado nun portal de internet por 750.000 euros.

E, mentres o anterior goberno pón o grito no ceo coas declaracións da rexedora, entra en escena un novo factor: o plan especial de protección do casco histórico e do Camiño de Santiago ao seu paso por Sarria. Si, ese documento aprobado en xunta de goberno que xa traía polémica porque, segundo a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, supón un obstáculo para actuar en Ponte Ribeira.

Os propietarios da Fortaleza presentaron alegacións ao plan especial, que veta calquera edificación nos terreos da torre. Agora acaba de coñecerse que esas alegacións están desestimadas, pero aínda queda un longo camiño por diante, porque os donos poderían reclamar indemnización ao Concello e porque a aprobación definivia dese plan terá que pasar polo pleno, onde o goberno en minoría carece hoxe por hoxe de apoios.

Nin sequera hai un acordo de mínimos nas institucións sobre a Fortaleza, tal e como se viu recentemente cando Concello e Deputación rexeitaron senllas mocións do BNG para pedirlle axuda tanto á Xunta coma ao organismo provincial de cara á posta en valor da torre. Mentres, parte do muro que rodea o monumento permanece caído dende hai tres anos e o futuro segue a ser incerto.

Bye bye Fortaleza
Comentarios