Opinión

Alerta vermella

A Fortaleza de Sarria figura dende hai case cinco anos nunha relación de bens en perigo

Fortaleza de Sarria. AEP
photo_camera Fortaleza de Sarria e muro de peche de parcela. AEP

NESTE 2018, no que se celebra o Ano Europeo do Patrimonio Cultural, seguimos sen avances na conservación e posta en valor do monumento que máis identifica a vila de Sarria. Case cinco anos son os que leva a Fortaleza incluida na lista vermella da asociación Hispania Nostra, que alerta daqueles elementos patrimoniais en risco de desaparición, destrución ou "alteración esencial" dos seus valores.

A asociación, declarada de utilidade pública, vela polo patrimonio dende hai máis de catro décadas e a ela se debe a elaboración dunha relación de bens nos que Sarria ten un triste protagonismo dende 2013 e nos que tamén figuran a torre de Taboi en Outeiro de Rei, a de Caldaloba en Cospeito e a dos Moreno en Ribadeo. Din os de Hispania Nostra que a Fortaleza, declarada BIC en 1994, presenta un "abandono total", ademais de "desprendimientos de los muros de cierre de la parcela", polo que conclúen que existe un "riesgo de derrumbe".

Non é a única entidade que pón o foco na histórica torre, cuxas fendas levaron tamén ao Consejo Internacional de Monumentos y Sitios (Icomos), organismo asesor da Unesco, a citala nunha publicación sobre patrimonio en perigo no Camiño de Santiago.

De propiedade privada, a Fortaleza foi obxectivo de todos os gobernos, con distintas tácticas pero igual resultado. Mandato tras mandato correron ríos de tinta sobre a súa incorporación ao patrimonio público, que aínda ninguén conseguiu. Falouse de negociación e de expropiación, esta última paralizada no mandato actual nunha decisión plenaria avalada por un xulgado. No 2002 planteouse tamén a posibilidade dun convenio urbanístico mediante unha permuta con propiedades municipais procedentes das cesións obrigatorias da reparcelación de Ribela e do plan de Outarela, mais a proposta quedou paralizada co cambio de goberno do ano seguinte.

Hoxe a Fortaleza —maxistralmente reproducida polo veciño de Sarria José Luis Arias nunha maqueta que ben merece un lugar destacado nun espazo público— séguese anunciando nun portal de internet no que se ofrece por 750.000 euros e ten pendente de reparación dende hai varios anos desprendementos do muro de peche que nalgún caso ocupan a vía pública.

Sacar esta torre da lista vermella non é tarefa sinxela. Nos últimos anos houbo recollidas de firmas e varias campañas cidadás a favor da conservación do monumento, pero fan falta esforzos e compromisos públicos e privados. A esperanza é que noutros casos, con interese, se conseguiu. Na comarca está o exemplo da igrexa de San Mamede de Vilasouto (O Incio), que, grazas en gran parte ao traballo de LugoPatrimonio, superou a ameaza de derrubamento cunha restauración financiada pola Deputación e o Bispado, coa que pasou a integrar a lista verde de Hispania Nostra.

Por desgraza, son máis os casos nos que estamos a facer méritos para aumentar a listaxe vermella porque, se case cinco anos leva nela a Fortaleza, imos xa camiño dos catro coa Ponte Ribeira cortada.

Avance político
A AGRUPACIÓN do BNG, con Efrén Castro coma voceiro municipal, foi o primeiro partido en Sarria en dar un paso adiante de cara ás eleccións do vindeiro ano. O pasado domingo anunciou a Castro coma o seu candidato para 2019 nun acto lúdico. Os nacionalistas adiántanse así ao resto de formacións políticas, algunhas aínda en proceso de constitución e todas calibrando os seus tempos.

Alfombras florais
MÁIS DE vinte anos de historia suman xa as alfombras florais da festividade de Corpus en Sarria. Garantizar a continuidade desta tradición require en gran medida dunha maior participación cidadá, xa que son un reducido número de persoas as que acaban por levar o peso da súa elaboración. Nesta liña, preséntase como fundamental conseguir implicar ás novas xeracións nunha práctica que embelece o pobo por un día.

Orgullo en Paradela
O RECOÑECEMENTO coa Medalla Castelao ao crego e musicólogo Xesús Mato encheu de orgullo a veciños e amigos. O Concello de Paradela, que o nomeou Fillo Predilecto, felicitou o sacerdote por esta "merecida" e "xusta" distinción e destacou o seu "inmenso amor por Galicia, as súas xentes, o seu idioma, a súa música e o seu ser". Tamén o Orfeón Lucense lembrou a "inesquecible etapa" de Mato como director.

Comentarios