viernes. 14.08.2020 |
El tiempo
viernes. 14.08.2020
El tiempo

Adeus a un mestre

A perda de persoeiros coma Rubén González, do Incio, deixa a música tradicional máis orfa

Rubén González, co seu fillo, xunto á placa en homenaxe aos músicos do Incio. AEP
Rubén González, co seu fillo, xunto á placa en homenaxe aos músicos do Incio. AEP

EN ÉPOCAS de grandes orquestras, de luces, decibilios e postas en escena a cada cal con máis aparato, aínda hai quen transita pola vida paseniño, sen facer moito estrondo, pero deixando unha fonda pegada pola súa sabedoría e bo facer. Nese grupo selecto inclúese, sen dúbida, Rubén González, mestre gaiteiro e fabricante de palletas do Incio, toda unha referencia para a música tradicional galega, quen vén de emprender viaxe con 93 anos.

Tiven o gusto de coñecelo dende pequena, dende aqueles tempos nos que tocaba con meu avó e meu padriño no grupo de gaitas Os Agarimos, amenizando as festas da contorna e sen deixar de acudir a citas clásicas coma o entroido de Laza ou as danzas de Santa Lucía da Cervela. «Léveme o demo non me coñecía xa a santa!», bromeaba.

Gran conversador, deixaba no oínte a sensación de que aquilo que dicía, aínda que sen pretendelo, sentaba cátedra. Porque a historia de Rubén González é a dun home feito a si mesmo, a dun artesán que tanto exercía de ferreiro coma de zoqueiro, que adicou 24 anos a traballar en Magnesitas de Rubián e toda unha vida a tocar a gaita, difundir a cultura galega e fabricar palletas para o mundo enteiro.

Non era estraño velo no seu domicilio de Castelo de Somoza traballando baixo a luz dun flexo, modelando con paciencia as palletas coas ferramentas que el mesmo preparaba, cunha habilidade que mantivo intacta ata moi avanzada idade e que herdou seu fillo Antonio.

Da súa autoría son muiñeiras, valses ou pasodobres que interpretaba cunha gaita co escudo de Galicia gravado, símbolo do seu amor por unha terra e unha cultura da que foi un gran valedor. Así se lle recoñeceu con varios premios ao longo de tan dilatada traxectoria coma o Constantino Bellón do ano 2007 ou a Insignia de Ouro do Incio.

Aínda que natural de Randín, na provincia de Ourense, Rubén González asentouse dende novo neste concello, que no 2011 o nomeou Fillo Adoptivo, nun acto no que Lucía Pérez obtivo tamén o título de Filla Predilecta. Porque se algo ten O Incio é a honra de ser berce de moitos músicos, de veciños que ás máis das veces dende o anonimato traballaron coma o fabricante de palletas por manter viva esta tradición.

A todos eles lles adicou o Concello a última edición da súa feira de artesanía e etnografía, celebrada o pasado mes de setembro. Alí estaban Lucía Pérez, Vizcaíno, Carme López —unha das primeiras mozas luguesas co título superior de gaita—, Paco da Ferrería, Xarín.... e, como non podía ser doutro xeito, Rubén González.

Foi posiblemente o último acto público deste mestre, a quen lle correspondeu a honra de descubrir unha placa instalada na praza do concello, en homenaxe a todos aqueles veciños do Incio que, ao longo da historia, tal e como recolle a inscrición, encheron «as nosas vidas coa alegría da música e do baile». Un amplo listado de gaiteiros, tamborileiros, artesáns... entre os cales o nome de Rubén González ficará xa escrito en letras de ouro.

Revés xudicial
A SENTENZA do xulgado do Contencioso-Administrativo que anula a orde de alcaldía de clausura dunha fábrica de portas nas Insuas supón un duro revés xudicial para a rexedora sarriá e o Concello. Conscientes diso, esfórzanse por defender a decisión tomada e anuncian un recurso pero, con independencia do que acorde o TSXG, a sentenza non deixa en bo lugar a actuación municipal, na que aprecia certa arbitrariedade.

Axilidade nos permisos
A SOCIEDADE La Unión de Sarria está á espera da licenza para poder facer realidade unha obra tan desexada como é a restauración da emblemática galería do seu edificio, un retraso na concesión do permiso que dende o Concello atribúen a Patrimonio. A axilidade debería ser a norma de conduta das administracións, tamén a local, que xa recibiu queixas en urbanismo, para non entorpecer o desenvolvemento do pobo.

Cans no Camiño
A CAMPAÑA posta en marcha pola Mancomunidade de Concellos do Camiño Francés para frear o abandono de cans na ruta xacobea é unha boa iniciativa. Son moitos os animais que se extravían ao longo do Camiño seguindo os peregrinos e faise necesario concienciar a estes dunha problemática que acaba por repercutir nos concellos. E máis no caso de Sarria, onde segue sen pecharse a polémica da canceira.

Adeus a un mestre
Comentarios