Opinión

Reválidas

A XERACIÓN de sobreviventes da EXB somos a maioría papás. Así como as nosas carnes sufriron numerosos cambios e leis a capricho dos políticos de quenda en materia educativa, son agora os fillos destes os que continúan padecendo este espectáculo de barraca. O estudante contempla a representación dunha evolución dominada por individuos perdidos nos seus propios escanos, mentres os seus conxéneres tratan de identificarse cunha ruína moral que culmina cunha xustificación de aliñación de masas.

Este ibérico país rezuma unha caspa envolvente froito da graxenta transfiguración dos conceptos pedagóxicos. Mentes reprimidas que a golpe de ordenanzas e novos sistemas formativos tentan, máis que salvar o barco, afundilo ata as fronteiras interiores da manipulación. Afortunadamente lonxe quedan as hostias na cara, a obrigatoriedade de quedar cunha relixión concreta, os brazos en cruz con libros en man e o da letra con sangue entra.

Agora redúcese a demostración a unha pura visualización, onde o discurso cobra lexitimidade e o espectador asiste a unha demostración prototípica. Atopamos que o sistema educativo réxese cos mesmos principios do século XIX, radicalmente desprendida polo avance das novas tecnoloxías pero co literal e perturbador feito de non saber espremer a materia gris dunha maneira atractiva, áxil e comunitaria.

Os nenos do século XXI expresan nos seus corpos sometidos a marca territorial dun produto mecánico, case robotizado e un atrincheiramento defensivo, que tenta dar saída ao formalismo estético e fetichista. Froito do enorme potencial informativo que reciben por todas as canles (TV, internet, móbil) de maneira global. Da casa ao colexio, clases particulares (quen as necesita ou poidan darllas) e a resurrección gloriosa de horas de deberes; o mecanismo oculto para balancear as súas fráxiles neuronas.

A invisible causa da invisibilidade no seu intelecto nesta nora circense é a falta de comprender, razoar e ter sentido crítico. Cando o meu fillo estudou a (suposta) chegada ao home á lúa, razoeille que tivese certas dúbidas de tal proeza xa que non todo o escrito nos libros de Historia era certo. Iso dalgunha maneira, como o inimigo astuto, crea no lampiño un pensamento para argumentar e reflexionar.

Non amigo, non todas as cervexas son iguais. Tampouco os nosos semellantes, que necesitan enerxías autónomas para sobrevivir e renovarse. Aplaudo aos profesores valentes, que tentan rachar os canons impostos do estudar para aprobar un exame, e involucran emocionalmente os seus pupilos. Repúgnanme os escasos funcionarios con regras da vella garda (castigos nos corredores, esixentes, autoritarios) e tamén o cheiro a naftalina con visión en branco e negro das chamadas reválidas.

Para aqueles que non a fagan teñen premio: tres días en casiña. Non é un acto de rebeldía. É confrontarse coa temida exterioridad do imposto e dalgunha maneira non soportar as esixencias desta artimaña triste, fea e con retrogusto a tempos xa pasados.

Comentarios