Opinión

Por parroquias

O PROCESO neuronal de Antóm Fente no coñecemento de filtrar a CULTURA en Chantada é como observar a desintegración (lenta pero efectiva) dunha pastilla efervescente nun vaso de auga. Así o demostrou naquela estival noite (sen moscas) de 2014 sentados na terraza do Mezcal mentres esperabamos a Xurxo Novoa, eléctrico guitarrista do grupo Liviao de Marrao.

Ao amparo dunhas frescas bebidas de cebada (como bos porcos) gasificada, os murmurios do xentío mesturábanse suavemente entre o fume do tabaco e as badaladas da igrexa vella. O ano anterior sacaron o seu primeiro traballo titulado Matança eta filhoak!! sendo realizado o videoclip da canción Narco Corrido Ribeirao por Chantada Films. Tal masoquista imprudencia levoulles a repetir no seu segundo CD Que cada cão lamba a sua caralha outro vídeo para Cantiga de Feto que recibiu o Premio Xohán de Requeixo.

Ao pasar Alfonso Piñeiro exclamou: “que andaredes argallando!?” mentres o vocalista Fente empezaba a dar as pequenas pinceladas para organizar unha festa rural conmemorativa aos XX Anos de Rock Bravú na comarca. E así foi como naceu Por Parroquias, unha pequena criatura inmaterial (sen subvencións nin patrocinios oficiais) que partindo do xerme Bravú na Cea de Viana expandiuse retrospectivamente por todo o país e máis aló.

O pesimismo ilustrado e a congoxa intelectual non entraba dentro dos plans da organización para o 13 de setembro de 2014, a pesar da complexidade de moldear os tremendos problemas loxísticos cos actos que se celebrarían entre Viana e Garabelos. Concertos, mesas redondas, proxeccións no Cinema Palleiriso, a primeira exposición en paneis de Bravú de Xabier Viana e un servidor. Todo iso (con bo comer e beber) rexistrado audiovisualmente polo director de fotografía César Seijas baixo as ordes da directora Ana B. Diz, para a realización dun documental aínda inédito.

Na homenaxe non faltaron membros dos primeiros grupos bravú como A Palla Cubana e Rozando Nos Toxos (RNT), Rastreros, Papaqueixos, Diplomáticos de Monte Alto, Yellow Pixoliñas, Nave, Radio Océano, ou ideólogo e compositor Alfonso Pato e mesmo ou artista e escultor do movemento Primitivo Lareu entre outros. Días máis tarde desplazámonos a Rodeiro para entrevistar a Tamara Villanueva guitarrista de Malas Herbas e a Padrón para recoller as declaracións das Garotas dá Ribeira e de Pinto de Herbón.

En 2015 o Por Parroquias baixo o lema Cultura viva, a aldea resiste! realizáronse o 9 de outubro na Casa da Cultura de Chantada a Exposición XX Anos de Rock Bravú e a presentación do Festival Castañazo e o día 16 presentouse o libro Andar as apóutegas de Rafa Lobelle e un certame de curtametraxes cos filmes Lola, Sinfonía dun trastorno e As almas do Fental.

As secuencias viventes zarandean Cultura de Outono 2016 Entre a vendima e a castañeira, onde o sábado día 15 o Por Parroquias recobrou disimuladamente o seu espírito da Ilustración sen capar con música en homenaxe ao trobador Xohán de Requeixo, a escolma de lírica galaico-portuguesa medieval A Faro co meu amigo coa maxistral clase lírico-medieval do mestre Juan Manuel Vázquez e os seus alumnos recitando Cantigas, Tres pés para unha maseira coa actuación de Liviao de Marrao en acústico e a reestrea da mediametraxe Punto e Final (1999). Todo iso absorverá completamente a paixón dunha maneira de sentir e vivir o autóctono. Aínda que sexa só unha vez ao ano.

Comentarios