lunes. 26.07.2021 |
El tiempo
lunes. 26.07.2021
El tiempo

Ovnis galaicos

VALGA POR DIANTE que o asinante é un fiel seguidor do fenómeno ufolóxico e a crenza de que somos froito dun experimento extraterrestre, xa todo o cal, non merece a pena redundar na afirmación sobre a vida alieníxena noutros planetas do infinito Universo. Tampouco necesito marihuana nin outros alcaloides para esta rotunda aseveración que o mesmo Stephen Hawking apoia. 

Aínda recordo nítidamente cando o Dr. Jiménez do Oso me respondeu unha misiva na revista Enigmas, da que era o seu fundador e director, sobre a defensa de temas parasicolóxicos. Tamén a etapa de redactor en Ourense da publicación Semanal Xoven cando a quebra ía mandar a tomar por saco todo, apareceu un home con gran magnetismo persoal. O líder de Irmandade Rama (Amar ao revés) de Oviedo e escisión de Misión Rama de Sixto Paz.

Seita ufolóxica que nos levou a rotar uns cuantos exemplares máis, o seguimento policial da redacción e a morte por falta de lectores. Ao enterro editorial xa non fun, despedinme no despacho do paladín Miguel Coppa quen me advertiu con mirada hipnótica: “Sempre serás prisioneiro do teu propio destino”. Coas bolsas escrotales incrustadas na garganta saudeino cortesmente e puxen os pés en polvorosa. 

Anos máis tarde en Monforte co meu flamante posto de redactor e presentador na televisión local RTTL (Radio Televisión Terras de Lemos) recollo en redacción unha chamada telefónica dun veciño alarmado que está a ver unha bóla de cores no ceo. Era febreiro de 1996 e co operador de cámara fomos ao lugar indicado. Con luz propia e centelleantes cores un estático obxecto voador dominaba o Val de Lemos, de súpeto sen previo aviso empeza a moverse dirección Monte de San Vicente. O Golf CL do meu pai parecía que levaba Súper cando aterramos na Torre da Homenaxe, con tempo suficiente para gravar como o OVNI desapareceu como a Enterprise de Star Trek. 

A histeria empezou a fluír, o poder Cósmico dos Visitantes galaicos ocasionou un tipo de paranoia primitiva; a identidade humana ocúltase na discordia e o excitado expectador chama a redacción advertindo de inminentes invasións e estraños aparellos no ceo (a maioría estrelas e Venus). As imaxes xa foron emitidas no programa de Pepe Navarro Esta noche cruzamos el Mississippi de Telecinco e informativos da TVG. O espectáculo aínda estaba por comezar. 

Outros visitantes deste mundo emanaban sistematicamente: xornalistas do oculto, investigadores (Marcelino Requejo descubriunos como gravamos dous cazas seguindo ao Ovni) e a aparición ao abrir a porta dun mozo con lentes escuras e tez papel de estraza, parecía un pito repeinado con americana da cal extraeu un carné do Ministerio do Interior. Quería ver as imaxes. 

Así, sentado fixamente na pantalla visionou con tremenda parsimonia e aseverando coa cabeza para concluír: “Xa coñecemos todo isto, estamos a seguilo, son prototipos experimentais estadounidenses”. Dun carpetazo o home de negro pechou o expediente. Non lle pasou o mesmo ao representante Juan Martins da organización Nonsiamosoli (sobre o estigmatizado Giorgio Bongiovanni e o contactado Eugenio Siragusa), que na dedicatoria do libro que me regalou: Humanidade Onde vas? plasmou que loite pola verdade, que me fará libre. Aínda hoxe non sei se sego sendo prisioneiro do meu propio destino.

Ovnis galaicos
Comentarios