domingo. 25.07.2021 |
El tiempo
domingo. 25.07.2021
El tiempo

Kiosco de Margarita

A ALFONSO Matías gustábanlle os puros e os monicreques a partes iguais. Tamén cando me traía co seu fillo Marcos no seu coche para mediados dos 80 desde Ourense a Chantada, a pregunta que esperaba resoaba entre a música e o fume do habano: “Levas a ferramenta?. Aí as miradas cómplices de dous nenos explotaban entre sorrisos maliciosas e certo rubor pasaxeiro. Noutra ocasión, nun alarde trovadoresco recitou: “Chantada a bravía, cen bares e unha soa librería. A librería pechou. Pero os bares, non!.

A adolescencia da BH e Orbea, con sobredose de hormonas que desenvolvían os nosos instintos onanísticos máis primitivos (con revistas Intervíu ou entre os maizales), fumar ás agachadas os Fortuna mentolados nos xardíns do Casino ou a nosa primeira inxesta alcohólica no pub Boys, convertían a alternancia dos días e as noites nun xiro frenético cuxo ritmo desordenado proporciona a significación dos acontecementos contados.

Ir ver unha película ao cinema Yeca só era comparable coa contemplación tras os cristais da cafetería Los Ángeles, na Praza de Santa Ana, dun cubículo de aluminio que parecía unha cápsula espacial construída pola NASA. A arte visual de semellante estampa, onde A Directa tiña repouso para recoller pasaxeiros, a parada de taxis alén da plazuela e as xentes cos seus quefaceres cotiáns, era rota por algunha aseveración de Manolo Vázquez “Gatito” expulsando fume desde os seus Celtas sen filtro.

A D. Xulio de Abral tamén lle gustaba tomar alí as súas aguastónicas: “son moi boas para eructar” dicía. Desde o interior podíase escoitar a voz de Leopoldo de Soto resoando profundamente na terraza, mentres, unha pequena figura enfundada nun mandil de pequenos cadros azulados e brancos, saía daquel estratosférico quiosco cun xornal na man para vender a un cliente.

Era de pequena estatura, a súa tez parecía coma se absorbese todos os días raios UVA sen contemplacións, de ollos achinados e pucho floreado na cabeza. O seu pai Paulino Mariño rexentou unha das primeiras librerías de principios do século XX en Chantada e Margarita Mariño López, decidiu un 14 de decembro de 1967 solicitar autorización para instalar un quiosco para a venda de xornais e revistas, de 1,90 m. de fronte por 2,30 de fondo. Convertería o seu soño a finais de 1968.

Nese caos de celulosa impresa, con cámara frigorífica no exterior, Margarita desafiaba impunemente o principio de Arquímedes. Lembro unha fotografía realizada por Alfredo Valín (cando era director do xornal Achantada e publicada en formato poster) da quiosquera diante do seu dominio: “parece o Bronx” asegurou Valín. Muller xenerosa e traballadora recibiu unha homenaxe no Folión de Carros hai poucos anos. Desde a privilexiada visibilidade no palco do xurado, estupefacto vexo ao Molina (o home de Sitiós) reencarnado en Margarita. A maxia dos carros e o seu folión remontan a contrafío o curso do tempo e orientan nunha retrospección natural este acontecemento.

Kiosco de Margarita
Comentarios