lunes. 26.07.2021 |
El tiempo
lunes. 26.07.2021
El tiempo

Incultura

Non todo cae sobre papel mollado. As novas redes a través de internet crean foros de crítica en tempo real, como a páxina facebookiana Chantada Incívica, que retrata a idiosincrasia do que un bonito pobo é capaz de converterse: nunha república bananera a través dos nosos actos cotiáns.

Confeso que a min multáronme e paguei unha multa por mal estacionamento do coche. Calquera persoa cun coeficiente intelectual básico como o dun servidor, entende (ou debería de entender) que na función narrativa do verismo ordinario, un é consciente do que é o ben e o mal e as consecuencias de penetrarse temerariamente nunha selva. O aspecto natural e bárbaro dos nosos valores transfórmase en notas vulgares e surrealistas.

É coma se as leis e regulamentos municipais adaptásense á tradición teatral dos grandes actores tráxicos, un universo dócil e espontáneo onde o ruído zumba baixo a música e o home emocionado descobre que aparcar sobre un paso de peóns é só a adaptación dunha circunstancia. O matiz dun instante.

A frecuencia do mal expándese coa cotidianeidad. Os contrastes e maneiras sobreviven ás luces das candilejas e ese vao permanente é unha alegación é unha mostra obsoleta dunha linguaxe confundida e arcaica. Nesta emoción global o sentido dos vocábulos crea un frenético ritmo ao aparcar tamén en dobre fila. É só un imprevisto no horizonte.

As nosas rutinas anuncian os reflexos do abono canino sobre o frío cemento das rúas. A torsión dolorosa do mártir que pisa, dependerá se o excremento está seco como a palla ou recentemente saído do conduto anal. Unha picada infinita, de afogo case mortal, transfórmase entre a mestura da goma do zapato e a merda incrustada. Un estraño estupor lémbranos a nai que pariu ao dono.

O daltonismo nas liñas amarelas é unha emoción estética da vila, quizais para que ao deixar o vehículo, evoque o espectáculo dunha compracencia de disolución do control persoal e a experiencia dunha dexeneración moral. Un fenómeno de barraca de feira onde a superioridade dos heroes deixan atrás a tribos primitivas que aparcan correctamente.

O fenómeno maligno das zonas peonís, trivializa co elo perdido. Un retroceso na escala evolutiva que determina a arte presente entre os seres e as cousas. A transgresión nas estruturas das novas xerarquías e a reificación do reforzo de superioridade connosco mesmos. A ecuación absurda dun rol colectivo.

Chantada Incívica é o maldito espello onde non queremos vernos reflectidos. O resoar da labazada na fazula coa palma estendida, o golpe á realidade constante dunha vila onde non aparcarían nin os alieníxenas e a existencia imprevisible dun espantallo para o turismo. A sombra do belo se difumina en Chantada ao quebrantar diariamente os límites. O desafío civilizatorio onde dominar a sorte non é cousa do azar nin relixiosa. É terrícola.

A non ser que este pobo real sexa un relato ficticio, un pequeno laboratorio de recreación da realidade humana, onde todo está simulado e réxese polas súas propias leis. Como un xogo ou unha película de ciencia ficción.

Incultura
Comentarios