Opinión

Festas pagás do Carme de Chantada

Ao termo das guerras carlistas, no reinado de Alfonso XII xorden as Festas de Pacificación, nas que se une o relixioso co pagán. En Chantada as Festas do Carme organizadas en agosto do ano 1877 contaron co Folión de Carros, unha escenificación do Combate do Callao e teatro afeccionado

IMAXES: JON GONZÁLEZ/A. PARDO

DESDE o inicio das guerras Carlistas coa masacre de 14 asasinados o 9 de marzo de 1835 ao último ataque con 80 homes portando fusís Remington ao mando da partida carlista de Joaquín Redondo o 17 de novembro de 1874, Chantada non estaba para moitos festexos. Non obstante os días 22 e 23 de agosto de 1863 (como a maioría das festas patronais xorden a mediados e finais do século XIX) "os veciños do pobo custearon con donativos as funcións do Carme" propoñendo o alcalde a Pedro Guerra a súa organización, defraudándoo tanto que se instruíu un xuízo verbal con mediación do xuíz de paz.

Segundo acta oficial do 6 de setembro foron varios os sucesos acontecidos, "sendo unha delas que o director da música Benito Díaz tocase como tocou obedecendo a orde terminante que lle comuniquei respecto ao particular nos dous bailes que tiveron lugar nas noites dos referidos días, o primeiro nos salóns da casa do Marqués de Valladares e o segundo nos salóns do Circo, aínda que en casas particulares os bailes foron públicos como os anos anteriores. Benito Díaz pois non fixo máis que obedecer como obedeceu ao fogueteiro queimando o lume que o Pedro Guerra arrincara iradamente da praza en que estaba colocado".

Coa restauración borbónica e baixo o reinado de Alfonso XII xeneralízanse por todo o manto ibérico as chamadas Festas de Pacificación. Son os anos onde se institucionalizaron o relixioso e pagán para celebrar o termo da guerra.

En Chantada foron os días 20, 21 e 22 de marzo de 1876 e consistiron en "iluminación, música, gaitas do país, abundantes fogos artificiais de diferentes clases, cucañas e máis análogos a que correspondeu satisfactoriamente a poboación, repartíndose ademais algunha esmola a pobres enfermos dos fondos municipais e dúas pesetas a cada preso do cárcere. Unha misa solemne con tedeum pola terminación da guerra e outra polas persoas que faleceron nela custeada pola corporación".

ANO 1877. Para a organización das festas de agosto de 1877, o cura solicita ao alcalde que "debendo celebrarse, como vostede non ignora nos días 25, 26 e 27 do corrente as funcións da Virxe do Carme as que adoita ser extraordinaria a concorrencia de xentes, a fin de evitar calquera desorde, que a súa aglomeración puidese ocasionar, demando algunha forza da Garda Civil". O rexedor escribe ao Gobernador Civil sinalando que o tenente afirma que conta con tres gardas útiles e que chegarán dúas parellas de Guntín e Palas.

A acta sinala que a través do telégrafo tal vez cheguen para o domingo outros de Monforte, "para que todas as xentes pacíficas que concorran á función poidan divertirse tranquilamente e evitar algunha desgraza que sería para min de funesto recordo polos poucos días que poderei exercer a alcaldía".

O temor aínda flotaba no ambiente pero o programa estaba perfectamente disposto. Para o día 25 ás doce "repenique de campás e infinidade de voadores e bombas inaugurarán a función. Entre tanto unha escollida banda de música dirixida polo acreditado profesor Timoteo López e varias gaitas do país percorrerán as rúas tocando diversas pezas e poñerase termo a este acto elevando un magnífico globo; pola tarde percorrerán as rúas a música e gaitas e botaranse con profusión voadores. Ao escurecer continuarase con asistencia da música a novena á virxe do Carme; e concluída que sexa a novena, dará principio o folión, no que irán en carros do país (adornados convenientemente) representados todos os gremios de artistas do pobo. Multitude de farois levados por raparigos iluminarán esta divertida escena, e formarán un vistoso acompañamento, concluíndo esta diversión con elevación de tres globos de diversas cores e figuras".

O día 26, pola mañá cedo "a música e gaitas darán a alborada polas rúas e aldeas inmediatas. Ás nove sairá da igrexa unha solemne procesión á que acompañarán a música e unha porción de mozos e mozas elegantemente vestidos con traxes do país, bailando ao redor da virxe; botarase infinidade de voadores e un magnífico globo. Retirada a procesión á igrexa, que estará adornada con esmero, darase principio á misa, que será cantada con toda pompa e solemnidade por voces escollidas con acompañamento de música e fará o panexírico da Virxe un elocuente orador sacro".

Pola tarde, "entre outras diversións como a cucaña, que entreterán agradablemente ao pobo, haberá baile de mozos e mozas polas rúas, perfectamente adornados, no que lucirán as mozas fermosas traxes e a súa natural graza e axilidade; ao chegar a noite, na praza principal, que estará adornada de arcos e alumada con multitude de farois de diversas cores, simétricamente colocados, haberá lume do chamado de praza no que se representará o Combate do Callao pola escuadra española. Deseguido lucirá un fermoso altar de lume de vivísimos cores, en cuxo centro aparecerá a imaxe da virxe do Carme. Haberá outras pezas de menor importancia e moi variado e abundante lume de aire. Nos intermedios tocará a música e elevaranse porción de globos de diversos tamaños e cores". Terminando a función cunha representación de "un drama no teatro e unha peza cómica executados por distintos afeccionados".

Ás dez da mañá do día 27 "haberá outra función de igrexa; pola tarde representaranse polas rúas e terminarán na praza, varios actos da Historia Sacra, desde o Paraíso ata a adoración dos Reis Magos, en cuxa representación tomarán parte máis de 150 persoas con traxes asimilados aos das diversas épocas en que tiveron lugar os sucesos. Á noite haberá iluminación e baile na Alameda; a música tocará algunhas pezas escollidas; haberá algún lume de praza e bastante de aire. Concluirá a función cun baile no salón do Casino".

Comentarios