lunes. 26.07.2021 |
El tiempo
lunes. 26.07.2021
El tiempo

Entre Lusco e Fuco

Entre esa paréntese da temporalidade hormonal onde espontaneamente renace esa cousa chamada adolescencia, brotan distintas inquietudes mentais e creativas en certos nenos que baixo un limpo prisma, ven o xurdir das cousas de distinta maneira que os adultos. E non é só a percepción dos acontecementos da vida diaria, se non a intransixencia dos feitos e aptitudes que os maiores disfrazan cunha verdade adulterada en si mesma.

Tal como botar ao guiso colorante Pote no canto de azafrán manchego. No libro As cousas de Fuco, do escritor e avogado chantadino Anxo Boán, a insolencia vitoriosa dos acontecementos narrativos tamén inclúe o contacto inmaterial das palabras aboríxenes, a significación do seu campo perceptivo a través da tradición oral e idiosincrasia predestinada a través dos anos. Por moito que os señores académicos queiran moldear certos vocábulos que por dereito propio adquiren unha identidade persoal e intransferible.

Neste baleiro existencial, o prologuista Pablo Rubén Eyré -premio Vicente Risco con A verdade nos espellos- fai referencia deste relato onde o bo de Fuco abandona a pureza da nenez para dispensar o espontáneo reflexo de inxustizas e emocións truncadas, que a través do autor alcanzan a significación dos distintos contrastes entre o universo preadolescente e o adulto. O fallo no vínculo mecánico das cousas, que penetra como un horrible berro en metade da noite.

É algo así como entrar na cafetería Hilton, que aínda baixo a premisa dos veguenses (o que pasa no Hilton, queda no Hilton) unha vez no seu interior a sensación de efectos e causas pode perforar a pantalla das cousas existentes. Nas cousas do Fuco, o aspecto natural do neno que narra a súa experiencia rural entre traballos agrícolas fúndese como un lisco de queixo de Larsa e a beleza arquitectónica do seu conxunto retozan un dobre xogo no contexto verbal dos maduros.

Na tenra madurez de Fuco, sen falsas concesións ao adversario nin artificios cheos de elocuentes discursos, Anxo Boán dá continuidade visible e efectiva (tamén afectiva) nun acto de comprensión, transformando metodicamente o sentido das palabras, a beleza invisible da fonética e o aspecto actual da gramática desorientada. A determinación dun acto cal bulebule que leva briznas de palla sobre a que neutraliza de forma intelixente as inquietudes dunha alma encerrada nun cuarto escuro.

Unha Galicia profunda con diagnóstico aliñado naqueles anos 70 e 80 onde afortunadamente xa se baixou o pano definitivamente. Un Fuco con identidade diferencial e realista nado á marxe da tradición rural onde a súa creación literaria e espertar intelectual provoca reaccións contrarias na súa contorna familiar (incomprensión e infravaloración) nunha terra chea de caciques, disciplina e traballo en vacacións escolares. Pero tamén a falta de oportunidades por medios económicos e a pantasma da emigración poñendo a man no pescozo. Anxo Boán, puntualiza unha narrativa tendencialmente realista, contribuíndo notablemente e de forma crítica sobre a marxinación de certas palabras, usos e costumes lingüísticas. Definitivamente, non se pode pedir máis, salvo que teñan coidado os da RAG coas fusarelas.

Entre Lusco e Fuco
Comentarios