jueves. 09.04.2020 |
El tiempo
jueves. 09.04.2020
El tiempo

Os aturuxos do Miño ribeirao

A primeiros do século XX era habitual en tempadas coma a da vendima que nas ribeiras do Miño os veciños das dúas beiras do río se intercambiasen berros a pleno pulmón. Estes desafíos entre rabudos, os do Saviñao, e papeiros, os de Chantada, forman parte do patrimonio inmaterial máis descoñecido da Ribeira Sacra
Foto inédita da Ribeira Sacra miñota con máis dun século de antigüidade. A. PARDO
Foto inédita da Ribeira Sacra miñota con máis dun século de antigüidade. A. PARDO

Celsa López Fernández, unha labrega oriúnda do lugar de Os Queixeiros (San Pedro de Líncora) e nada en 1929, lembra que na súa nenez nos traballos de mantemento da ribeira e especialmente na vendima, que era cando máis xente había dun lado e outro do río Miño "oíanse os aturuxos do Saviñao chamándonos papeiros e nós, rabudos", un costume que o seu pai xa coñecía e que foi desaparecendo aos poucos.

Eses berros a pleno pulmón propios da idiosincrasia dos ribeiraos montañeses emulan segundo Benito Vicetto "non o rumoreo das auras ou gorxeo dos paxaros, senón o vigoroso e prolongado canto do galo". Os recios e sonoros aturuxos que "aínda que o alalá son de orixe fenicio, ao adoptar esta tonalidade os nosos céltigos engalanárona ou acentuárona cos seus característicos aturuxos e esta fusión celti-fenicia maniféstanos filosóficamente a fusión de razas e costumes". Para Benito F. Alonso, os aturuxos formaban parte nos atávicos rituais druídicos.

Este folclore remoto transmitido xeracionalmente conforma un ben inmaterial da Ribeira Sacra, onde as crónicas de 1929 describían os berros da vendima que "se oen por toda a campiña, sen saber de onde parten. Non son aturuxos propiamente, son algo salvaxe, de feitura ancestral, que non serve de colofón a ningunha copla". A distinta homografía das palabras papeiro e rabudo engrandecen o seu misterio na fronteira natural do Miño entre os dous concellos, aínda que para a aldeá López Fernández a súa etimoloxía é que "nos chamaban papeiros porque tiñamos máis horta que viñedo, referíndose a nós que comiamos pratos de papas (patacas) e eles que vivían do viño por ter máis ca nós, chamabámoslles rabudos porque eran adoecidos".

DEFINICIÓNS. Para o dicionario da RAG rabudo ten a acepción que ten o rabo longo, que ten mal xenio e papeiro moi amigo para comer papas. Na Salvat de 1946, en Arxentina é unha persoa que negocia en papas e en México que é un embusteiro ou fanfarrón. Tamén se define a un pucheiro, pote ou cacerola en que se fai as papas para os nenos, en Papeletas para un Dicionario Xeográfico de Galicia (1932). O seu autor, Heliodoro Gallego Armesto, fala sobre os talleres de olería de Buño, onde "elaboran conforme a súa especial nomenclatura papeiros, monos, cuncas de carto, xinetes, ondas, barreñas, pratos".

Entre 1936 e 1952 a figura representativa do papeiro aparece descrita en O soño dunha noite de verán... madrileña? de José Fernández Garrido sobre o desfile das festas de San Roque en Vilagarcía: "o as da gaita que abría o desfile da caravana, tras el o papeiro co Pendón Semente, tan cheo de orgullo e tan ás súas anchas" e "cando Manueliño O Papeiro, embutido no seu fungo de cor de chocolate co seu traxe novo e folgado en exceso, empuñando moi digno o gran pendón colorado".

Segundo algunhas fontes os papeiros recibían o seu alcume por ter máis horta ca viña e polo tanto comían patacas

RABUDOS. O contexto de rabudo brota das tebras imaxinativas en contos xornalísticos de autores como Rosalía de Castro —"O que me parés é qu'eres rabudo com'as uvas de cacho"-, Pardo Bazán —"diaño rabudo que se encrespa e nos desafía con aceno burlón"—. Trapero na súa serie Pelúdez dixo... "sodes uns rabudos atrasados", ou Otero Pedrayo, que difundiu e enriqueceu o rabudo nos seus textos narrativos como en O rabudo do camiño novo. O concepto demoníaco describe a Satán como "cornudo, rabudo e barbudo" sendo utilizado no refrán de finais do século XIX: "Labra bén e fondo, se qués coller pan abondo: o arado, rabudo e ou labrador barbudo".

O uso costumista de rabudos chegouse a usar nos Xogos Florais do Ateneo León XIII de Santiago en 1907: "Inda reventes/ larpeiro rabudo/ qu'inda na gorxa/ ch'apreten un nó" e utilizado en 1938 en A Rilleira e Cesuras cando pasaban por alí os da montaña gritábanlles: "Rabudos que comedes papas como burricáns! Ora papas, ora millos, ora c...cocios".

Un dos rexistros máis antigos desta inquina burlesca data de 1837 dun parte de guerra na localidade de Lárraga (Navarra): "En Dicastillo e Moratín hai moitos mozos casteláns desexando tomar o portante, están vestidos coa roupa do seu país e os navarros fanlles moita burla chamándolles rabudos".

Antonio de Trueba escribe en 1874 que "nun pobo de Biscaia, a cuxos habitantes se coñecían co cualificativo de rabudos, eu nacín e fun criado nun pobo lindeiro co dos Rabudos e podo asegurar que non se lle dá en Biscaia máis importancia que a que ten unha broma de pobo a pobo, como os hai deste xénero en todos os de España". Outra vertente é a que describe Saira en A voda de aldea en 1880 onde relata o costume de andar "á vistas os recentemente casados que percorren en solicitude dalgunha cousa para a nova vivenda: son os rabudos do noso pobo, a posteriori todo lles vén ben, nada rexeitan, co mesmo agrado reciben un sacho que unha folla de touciño".

No artigo Rábula dun tal Rabanal en 1954, comenta o asinante que falando con Ramón Pérez de Ayala sobre a dexeneración da linguaxe xurídica en "xerga rabulesca", utilizou un par de veces a palabra rábula "nas mesmas acepcións que recoñece a nosa Academia: avogado, indocto, charlatán e vocingleiro, o sentido máis primitivo, etimolóxico de tan expresiva palabra forense, pregúntame o lector se rábula terá algo que ver co rabuda ou rabudo o que o castrapo —non o castelán, onde rabudo é o que ten rabo— emprega para cualificar á nena ou ao neno rabiosos, que teñen mal xenio e rabia".

Aseguran os veciños que os rabudos tiñan ese sobrenome porque eran realmante "adoecidos", con "moi mal xenio"

Aínda que recoñece que a crítica non aceptou ningunha como definitiva, "conste que a máis clásica delas viña relacionando a rábula con rabies (rabia) e con rábere (rabiar), o meu comunicante non disparataba ao intuír algún contacto entre rábula, que sería o orador ou avogado iracundo, tonante, furioso e rabuda ou rabudo nas súas significacións castrópicas".

Os portugueses gañáronse o alcume de rabudos na invasión do goberno de Portugal en Brasil en 1816 "como cualificaban aos lusitanos vitoriosos e estes, en xusta represalia, fusilaban no acto e sen forma de proceso a cantos montoneros caían nas súas mans". P. Alcalá-Zamora recolle en 1906 cánticos e adagios para desacreditar ao veciño e inclúe aos portugueses "que se cre son moi namorados por iso din: portugués seboso (namorado), portugués rabudo (equivale a motejarle de besta)".

RELIXIÓN. Tamén existe un dobre xogo etimolóxico relativo á relixión ao atribuír papeiros (Papas) e rabudos (Rabinos).

O xornal satírico Gil Blas de 1871 é o que realiza unha das poucas referencias pontífices: "non fago máis que insinualo, cousa de papeiros, papistas ou pontificistas".

Doutra banda a publicación O Trasgo dos Cafés do ano 1813 sinala sobre o xudaico: "ela afirma que a relixión perdeuse, que todos son xudeus rabudos e herexes rabatos". As lendas recollidas a finais do século XIX por Vilariño Barbeito e Yáñez González sobre a Casa da Coada en San Vicente (Monforte) onde lles chama rabudos, "o que supón que signifique rabino" por meter a Cristo na coada, crearía outra variante nos proverbiais aturuxos ribeiraos.

Os aturuxos do Miño ribeirao
Comentarios