Opinión

Aniversario na ensinanza chantadesa

O instituto Lama das Quendas e o colexio Xoán de Requeixo cumpren medio século de vida. A construción de ambos centros iniciouse na década dos anos sesenta do século pasado, cando o alcalde por aquel entón, José Regal, comezou a traballar nos expedientes para a adquisición dos terreos onde levantar os dous centros
Alumnos na celebración en 1975 da Día da Árbore do colexio Mixto Comarcal de Chantada (hoxe CIP Xoán de Requeixo).EP
photo_camera Alumnos na celebración en 1975 da Día da Árbore do colexio Mixto Comarcal de Chantada (hoxe CIP Xoán de Requeixo).ARQUIVO PARDO

NON SÓ John Travolta marcou con Grease o imaxinario estético e académico dos anos 70, en Chantada con menos bailoteo e chupas de coiro conformámonos coa pata de elefante nos pantalóns de tergal, lentes de pasta ao Elton John, botas de media cana dignas dos Chunguitos, algunha greña desatendida e nicotina sen filtro. E así, con pelo no peito, a localización para as instalacións do ensino público sufrirían un proceso de transformación nacendo como champiñóns o hoxe IES Lama das Quendas e o CIP Xoán de Requeixo, ambos xa con 50 anos no seu formigón.

Todo empezou en novembro de 1964 cando desde a alcaldía presidida por José Regal empezaron a realizar movementos con expedientes de adquisición dun solar con destino á construción do grupo escolar. Despois de recibir a visita aprobatoria do inspector de zona, cómprase por un importe de 400.000 pesetas o espazo de de 10.000 metros cadrados. Nun acto de xenerosidade o Gobernador Civil Eduardo do Río envía "unha pequena axuda persoal de 3.000 pesetas". En marzo de 1965 o Ministerio de Educación Nacional "aproba a creación da escola comarcal de Chantada para 14 aulas, 16 vivendas, zona de dirección, sala comedor e cociña".

"O colexio comezou a funcionar co oito graos para cada sexo, dúas aulas de párvulos, comedor e servizo de transporte"

O importe total custaría 7.875.000 pesetas e mentres sortean trámites burocráticos, en xaneiro de 1966 empézanse a mover fichas para urbanizar un solar e crear un Instituto de Ensino Medio para o que por unanimidade acordan o 10 de febreiro "comprometerse a que o expresado solar teña as debidas condicións nos seus accesos, así como subministración de auga e rede de sumidoiros, electricidade con potencia suficiente, así como a pagar os desprazamentos de terras e a cimentación extraordinaria".

Os planos de emprazamento dos solares do grupo escolar e instituto son realizados por Carlos Alcántara por un importe de 1.400 pesetas. José Regal presenta unha moción á corporación o 22 de decembro de 1967 onde expón que "o desenvolvemento e importancia deste municipio e a numerosa poboación escolar esixen a construción dun Centro de Ensino Medio Profesional, onde a adolescencia e mocidade poidan recibir uns ensinos teórico-prácticos, das que hoxe se carece, de diversas actividades industriais en consonancia coas características peculiares desta comarca" pola cal se cede gratuitamente ao Ministerio de Educación e Ciencia terreos no monte de Sangoñedo enfocando a educación á profesionalización agrícola e gandeira.

O 14 de agosto de 1969 dáse conta da solicitude efectuada á Delegación Nacional de Educación Física e Deportes para dotar á escola comarcal de instalacións deportivas, concedendo unha subvención de 1.500.000 pesetas. Dado o déficit do Concello, escribe o 19 de xuño de 1972 ao director xeral da Caixa de Aforros e Monte de Piedade da Coruña e Lugo, Antonio Lorenzo Pérez, ao que lle informa que "recentemente —curso 1971/72— comezaron a funcionar nesta vila dous centros de vital interese para o ensino: unha agrupación comarcal escolar (con máis de 400 alumnos, pois nela refundíronse, ademais da maior parte das escolas da vila, unha ducia rurais) e un Instituto de Ensino Medio, que tamén conta cun elevado número de alumnos de ambos sexos", solicitando 750.000 pesetas para que o complexo polideportivo cuberto fose unha realidade.

Acabado o Instituto de Ensino Medio o día 6 de outubro de 1970 abren publicamente a matrícula anunciándose que pronto se inaugurará o "Grupo de Concentración Comarcal de EXB. de acordo coa nova Lei de Ensino Primario, con oito graos para cada sexo, dúas aulas para párvulos, comedores e servizo de transportes" sendo nomeado director Ignacio Ramírez Pérez.

Como consecuencia da concentración os primeiros locais-escolas pechados foron: Santiago de Arriba, Costoira, Rabelas, Pedrafita, Vilaúxe, Ulfe, San Cristovo, Sabadelle, Mundín, Sampaio e Sariña.

O profesor Ramírez realiza unha panorámica do ensino en 1970 ao sinalar que "dos burgos da ribeira cursan Ensino Medio no Colexio Rosalía de Castro da vila uns doce raparigos, outras tantas mozas nas Mercedarias e algún que outro estuda Maxisterio; a matrícula do Bacharelato do curso académico 1969-70 habida entre os centros da vila ascende a 308 alumnos e no ensino primario suman 356 e en párvulos 116".

O 8 de setembro de 1970 Lugo celebra o Día Internacional de Alfabetización, que esta edición coincide co Ano Internacional da Educación, no salón de actos da Inspección Provincial. Presidido pola inspectora xefe de Ensino Primario Flora Veiga, que estivo acompañada polos inspectores e mestres recibindo o alcalde de Chantada Regal Vázquez un galardón polas distintas campañas realizadas desde o Concello.

A Arturo Cortiñas páganselle 600 pesetas por "colocación e retirada de bandeiras durante os días 29, 30 e 31 de outubro con motivo da inauguración do Instituto de Ensino Medio, recibindo o centro en abril de 1971 unha subvención por parte do Concello de 27.000 pesetas "para atencións durante o segundo trimestre do ano en curso", axudas económicas que se prolongarían puntualmente ata os anos 90.

En outubro de 1971 os terreos circundantes dos colexios aumentarían grazas á doazón dos irmáns Luis e Amparo Lorenzana "dunha leira de 7.000 metros cadrados con destino a obras públicas municipais".

As hombreras dos 80 trouxeron ao concello históricas e gloriosas sesións plenarias coa alcaldía de Sergio Vázquez Yebra, asuntos como a expulsión dun alumno (presuntamente por asunto de drogas) no instituto, un escrito de denuncia polas duras sesións docentes dun profesor ou mocións como a de que se celebrase o Día da Árbore con carácter oficial o 25 de marzo. Moita movida con problemas de índole docente elevados á política local chantadina.

Comentarios