Opinión

Alicerces

A CULTURA do bar é quizais a máis académica da nosa existencia. Multitude de ideas transfórmanse, opinións que se encerellan en huesudas faladoiros e tamén servilletas de papel cal papiros exipcios que serven para plasmar escritos que veñen en mente. A barra tamén é un importante elemento cultureta, de manoseo entre cliente e vasos, que conforma unha sorte de cimento fundamental para prensa, publicidade e pasquíns.

Imaxino as inquietudes intelectuais do mozo chantadino Jesús Fernández González. Con traxe, chapeu de á ancha e estreita gravata saíndo da sociedade La Tertulia. Deixando tras de sí un denso fume e palabras afogadas entre frías mesas de mármore. Algo aparvado, sen saberse precursor daquela prensa local de 1900, ao fundar e ser director do periódico Riberas de Chantada. En 1901 con apoio do Concello, sae de imprenta a primeira obra do século XX en Terras da Asma: Prosa de la Vida do mesmo autor.

As sociedades recreativas e culturais mantiveron a efémera base da cultura nunha amálgama de ámbitos, desde o cinematográfico ao literato. É o afán de opinar e criticar a través da prensa escrita, pero tamén deixar sobre ela constancia física dese conxunto de letras ordenadas co criterio de cada cal. A cousa evolucionou tanto que actualmente en Chantada xa logo hai máis escritores que libros publicados.

Escribir sobre temas históricos é máis difícil que atopar un pescador ou un cazador que non sexa mentireiro. A interpretación dese pracer inmaterial, volátil e fráxil adoita transformar a cronoloxía nunha colección de deformidades que desde o punto de vista contemporáneo, adquire unha estética decadente onde airea miradas turbias e mentes distorsionadas. Déixao ben claro Xosé Méndez Pérez, que baixo a bendición literaria (e por qué non dicilo: espiritual), dirixe a Revista de Estudos do Miño Medio, Alicerces.

Xosé Randolfe Vilariño transfire co deseño da portada a sutileza do barco de papel que suca “os mares interiores da nosa capital” que diría Leopoldo de Soto, para difundir a través de investigadores desde o Faro ao Miño “a realidade deste país”. Neste primeiro volume parido pola Irmandade de Cultura País do Faro, está xenerada por Andrés Pavón, Pablo Rubén Eyré e Claudio Otero Eiriz, entre outros, sendo os propulsores dunha quintaesencia que contén en potencia o desafío ao bo sentido histórico.

Oito son as propostas de Alicerces: Estudos sobre empresas, onomástica, cooperativismo, socioloxía, ruralismo e románico. No apartado Ferramentas e fontes un documento dun preito polo pagamento de décimos de patacas e unha entrevista a Xosé Mouriño Cuba. Creatividade por milleiros nunha narración curta do Poeta do Faro e de sobremesa final as críticas de X. Méndez en Recensións sobre tres libros de autores chantadinos. De lectura obrigada para quen queira coñecer os segredos do pasado e non aventurarse en realidades fantásticas.

Comentarios