Opinión

Abducidos

NON QUERO alarmar innecesariamente. Pero teño a estraña sensación de que o virus xa mutou. Se a Luis A. Rodríguez sorprendeulle a nosa descendencia alieníxena en El gusto por abducir, non menos lle chamará poderosamente a atención que os chamados abducidos están a realizar experimentos sociolóxicos e psicolóxicos sobre os condutores a través dos pasos de peóns. Explícome, unha vez realizados os implantes no cerebro dentro do prato volante, déixanos sobre a terra con aparencia máis ou menos humana coa misión de pulular cal moscas no lixo nas proximidades desas liñas brancas e gordas.

Segundo os últimos documentos expedientes X cañís desclasificados, en Chantada as volátiles mentes dos abducidos por extraterrestres divídense na seguinte clasificación co seu nome científico e modus operandi á hora de cruzar por un paso de peóns:

FICTUS: Humano que se planta cal estaca na pradería con mirada fixa e indeterminada. Pode levar un bolso de plástico marrón merda descomposta ou un cigarro na boca. A súa principal misión é xerar dúbidas e desconcerto mental ao condutor, que mesmo chegando a parar non pasa nin se inmuta.

DIAGONALIS: Aparecen para deter a dous vehículos en sentido oposto. Adoitan cruzar acompañados e a súa anormal conduta refírese a que sobre os seus pasos non utilizan a liña recta, se non a diagonal polo que eterniza o seu cruzado para maior desesperación do condutor. Por norma xeral levan bastón (unisex) ou carriño da compra.

SPONTANEUS: Tamén coñecidos como kamikazes. O seu dobre xogo de peón pola rúa e rápido cruzado levan de forma inequívoca á representación suicida dos mesmos. Confiados na representación espontánea en décimas de segundo sobre o paso de peóns, dominan o territorio na incorporación de forma inconsciente. Adoitan levar abrigos de pelo marrón sintético e bolso negro.

SALON: Baixo o influxo intelectual da verborrea, é unha exhibición de poder ao recrear un falso encontro no medio do paso de peóns. Estiran os pescozos para darse bicos nas fazulas mentres as súas mans aguantan estoicamente bolsas de plástico do Gadis e do Día. Un sonoro asubío rompe ese pequeno microcosmos e entre que se poñen de acordo se ir para a dereita ou esquerda para seguir falando, aguantan uns segundos máis sobre as brancas liñas gordas. Por norma xeral fanse pasar por amos e amas de casa.

RARE: Podería ser o avó de calquera, traxeado con pana dos anos 60 e boina negra incrustada no cranio. De aspecto físico tirando a rollizo e cores avermelladas na fazula. Non sempre, pero poden ter unha cabicha entre os beizos sen chegar un a saber se está acesa ou apagada. Están listos para cruzar, unha vez que o vehículo se detén, ensina a palma da man de grandes proporcións indicando con espaventos que continúes. O tic é contaxioso e é o condutor o que empeza a aspear tamén coa súa man mentres a outra aperta con intensidade o volante. Segundos máis tarde ambos (nunha especie de soño hipnótico) empezan a ladear a cabeza. Finalmente o piloto mete primeira e polo espello retrovisor observa o traspase do ancián.

Comentarios