Opinión

Mundo complexo

PARA SOBREVIVIR niste complexo mundo desenvolvemos tantas habilidades que ás veces parécenos imposible recoñecernos. Aplicar o consello do sabio  que recomendaba coñecerse a un mesmo é pouco menos que imposible nos tempos que corren. O espello adóitanos devolver a imaxe que cultivamos con esmero e adicación. Ximnasia, masaxes e outros coidadosos aliños, ademais de acenos, xestos e respostas perfectamente estudados, envólvennos nunha nube que nada ten que ver co que seriamos ao natural. Hoxendía somos máis ben o que desexamos parecer, o que queremos que os demais vexan en nós, somos unha proxección, unha aparencia.

A publicidade é traxe e adorno da boa venda. Serve para calquera produto, desde comestibles ata ideoloxías, e utiliza calquera soporte que poida transmitir mensaxes mediante imaxes e palabras, ás veces e en círculos máis reducidos pode incluír cheiros e sabores, como catas e degustacións.

Pero o problema é que toda esta aparente rapidez e fugacidade dos acontecementos queda sempre reflectida nun arquivo. A nosa conduta, a propaganda, as declaracións públicas, todo parece tan volátil coma o momento do anuncio, ou da transmisión do telexornal ou do xornal diario que se vai a papeleira. Con todo sempre queda unha memoria natural ou artificial que o conserva e lembra cando máis falta fai ou cando máis estorba. 

Xa non vale dicir que desapareceron os arquivos, todo está gardado, arquivado e escrito, en calquera momento pódennos sacar un espello e facernos ver como fomos, o que fixemos, o que manifestamos, e contrastalo co que somos, facemos, manifestamos e dicimos. 

O tempo fai cambiar ás persoas e ás cousas, pero nunha evolución de causa comprensible. Ninguén conserva a súa candidez infantil nin a súa inxenuidade xuvenil, A vida ensina, xa o creo! Pero un arrepentimento de cento oitenta graos non é frecuente, conlevaría a negación de un mesmo, da pura esencia, sería un exemplo de incoherencia suma, absoluta e inexplicable que precisaría unha longa e complexa reciclaxe. 

O tempo fai cambiar ás persoas e ás cousas, pero nunha evolución de causa comprensible. Ninguén conserva a súa inxenuidade xuvenil

Tal é a situación de impás en que se atopa o Partido Popular. Foi quen era e vén de onde vén, tivo durante moitos anos a ocasión e oportunidade de constituírse nunha alternativa válida e constitucional na democracia española, de feito é o segundo partido maioritario avocado a ser alternativa de governo, un dos dous grandes. Portouse adecuadamente na Transición, ninguén o nega. Fixo o seu papel de oposición con responsabilidade, salvo detalles. Pero chegou o tempo de gobernar e para a súa desgraza disparáronselle os egos que levaba larvados dentro.

Os arrivistas ansiosos de exercer un poder, ante todo personalísimo, desprazaron aos respectables conservadores, as voces dos radicais tomaron as rendas na mensaxe e nos feitos, comezáronse a tomar as decisións de goberno a base de puño na mesa e porque si, levaron aos españois a unha guerra allea que mostra o seu espello cada día nas noticias, que tivo como consecuencia un atentado que abriu unha gran ferida interna, chaga que seguen azuzando e contaminando para que nunca cicatrice. 

Para máis ilustración, chegado o momento da paz, da ansiada paz interna tampouco están de acordo, Como podían estalo! Un discurso belicoso de mensaxe conflitiva tanto en contido como en forma, non pode dicir que si ao final do terrorismo. Pero sobre todo porque e fose certo e se chegou ao final despois do complicado camiño, isto supoñería a desfeita aínda maior para a xa macabra imaxe que os cidadáns demócratas convencidos e comprometidos están a facerse desa gran formación política. 

Din os ultras que non está de moda dicir que se é de dereitas. Pero ser conservador é tan respectable como ser progresista e ó revés. Sempre que se sexa demócrata e se acepte o xogo participativo establecido pola Constitución e as leis. O que non está de moda, nin esperamos que o volva a estar, é ser ultra, esa moda só existe cando goberna un partido totalitario e ditatorial que enterra á democracia en fosas comúns. O desequilibrio interno da dereita española xa ten o seu reflexo e crítica ata na prensa de dereitas estranxeira que sempre a defendeu.

Comentarios