viernes. 10.07.2020 |
El tiempo
viernes. 10.07.2020
El tiempo

Hai futuro no aluminio?

As cousas non van ben, pero non podían ir peor para o futuro da planta de San Ciprián. O Goberno do Estado —o da Xunta non está nin se lle espera—, puxo esta semana sobre a mesa un plan a dez anos con dúas propostas de viabilidade para a fábrica de aluminio primario de Alcoa, que a multinacional quere pechar si ou si.

A fórmula para manter aberta a aluminera pasa por un contrato bilateral (un acordo directo de venda de electricidade entre un produtor de enerxía e un comprador) con varias fontes enerxéticas (gas de alta eficiencia de 100/200 megavatios , un parque eólico de 400 MW e un parque fotovoltaico de 800 MW) e a consecución dun prezo de enerxía nun rango de 25 a 35 euros o MW/hora a partir dos instrumentos actualmente en curso e da entrada de socios.

O secretario xeral de Industria asegurou que «hai xente disposta a entrar como socio enerxético ou como socio industrial; se hai vontade, hai solución, pero depende da empresa. Se Alcoa non quere, que venda a instalación e que deixe paso a outros». Raúl Blanco tamén fixo especial fincapé, a modo de exemplo, no caso do acordo eléctrico asinado por Alcoa en Noruega. A compra de electricidade producida con tecnoloxía eólica: «O acordo de Noruega é perfectamente reproducible aquí. Non creo que construír un parque eólico sexa máis barato nin máis competitivo en Noruega que en Galicia». Isto tería un valor engadido xa que vendería aluminio verde, coa marca ecolóxica e publicitaria que ten.

Pero as cousas están duras, pois os americanos non queren a fabrica, pero tampouco queren vendela, e aí entran algunhas políticas propostas por algúns candidatos ás eleccións de xullo.

A pasada semana falei de dous dos culpables de que ocorra o que sucede coa factoría. Aos distintos gobernos, os que fixeron unha venta ficticia pois Aznar regalou a fábrica despois de facer as contas e Zapatero e Rajoy seguiron inxectando millóns de euros sen control á multinacional se suman máis culpables. Queda por mencionar o papel doutros personaxes que xogan neste drama o triste papel do cortesán benintencionado e bobalicón, que observa moitas das cousas que pasan coa resignación e fatalidade dun mal inexorable, case natural, ao que opoñerse dun modo decidido, consistente é inútil porque as forzas ás que hai que enfrontar son case divinas. Estou a referirme como algún que outro perspicaz lector xa advertiría ás organizacións sindicais maioritarias. Certo é que non estaban de acordo coas privatizacións de empresas públicas, pero escasos esforzos fixeron para opoñerse a elas e rapidamente se acomodararon ás novas circunstancias. Reduciron o seu ángulo de visión de maneira consciente e en todo momento non practicaron unha política sindical unitaria para Alcoa, contestando a cada golpe da multinacional cunha resposta unitaria de todos os traballadores e unha esixencia de fin da drenaxe de diñeiro público sen controlar e a reversión ao sector público da actividade industrial. As respostas de loita neste periodo esgotáronse en si mesmas sen lograr resultados.

Hai futuro no aluminio?
Comentarios