Opinión

O Blanco de Roca

José Veres, o Blanco
photo_camera José Veres, o Blanco

NO ALBOR do día 16 deixounos O Blanco de Roca, na Festa do San Roque, un dos santos máis familiares das nosas parroquias e rueiros das vilas e cidades. Hai un día para nacer e outro para morrer, chantaríanos coa súa retranca o noso amigo. El liberounos de andacios como a rutina, o individualismo, a negatividade da vida. Tamén coma o santo peregrino, sempre acompañado do seu amigo O Moro, o can que lle axudaba a subir as costas da vida.

O Blanco naceu na Habana, fillo daquela emigración ó abeiro da cultura e ensino que abrollou nas escolas habaneras das nosas parroquias chairegas, e foi esa quizais a orixe da súa curiosidade por aprender cousas novas, os segredos da súa contorna e do mundo que lle tocou vivir. Recén chegado escolarizárono en Vilalba, ata integrarse nas súas raíces labregas en Roca, onde se converteu nun dinamizador da vida social e das tradicións do berce dos seus antepasados. Esta sabedoría popular axudouno a harmonizar a súa vida ás estacións coas que nos vai agasallando a Terra Nai. E así vivía a tope o Nadal, as mallas, o Entroido... E foi neste momento de máscaras no que fascinou coa súa imaxinación, espallando os Mecos nas pertenzas da veciñanza, uns bonecos que concentraban todo o humor e a gracia do seu artífice, aquelas chispas que saltaban acotío da súa ollada, acendendo sempre ledicia, amizade e festa porque quería reflectir nos bonecos a carga de retranca coa que sempre agasallaba.

Fóisenos o patriarca que regaba con pingas de humor e consignas a prol da igualdade e a xustiza as Feiras de Parga, as tabernas de Baamonde, as rúas de Guitiriz... Pero el é inmorrente. Déixanos gravado o seu sorriso, sobre todo na mocidade. Demostrou co seu tempero que mantiña un espírito xuvenil, pola súa paixón e xenerosidade, emporiso a asociación Xermolos converteuno nunha icona do Festival de Cine de Roca, e O Blanco é coñecido alén a Chaira polo alumnado de centros de ensino que están a visionar o documental Os Mecos de Roca, e seguirá convidando a esta cita estival nas vindeiras edicións como unha desas estrelas que nos van a seguir alumeando nas noites prodixiosas desta certame audiovisual, que están ahí acesas mesmo nas noites escuras, como nas do pasamento do compañeiro.

Comentarios