Opinión

Fervenza de Saúde

Público no festival. C.PÉREZ
photo_camera Público no festival. C.PÉREZ

MAÑÁ estréase a Radio Pardiñas, grazas á xenerosidade e ao compromiso de Radio Roncudo de Corme na Costa da Morte; por internet imos volver a emocionarnos co IX Festival de Cine de Roca no que Xermolos honrou ao creador Kepa Junquera, coa preestrea do documental Berpiztu, é dicir Renacer, que vai poder verse nos cines dende o 2 de decembro.

Roca foi unha fervenza de saúde que nos afectou a todas e todos os asistentes. Noraboa a estes medios de comunicación que transmiten a creación e a aposta pola beleza e a igualdade que deitan as veciñanzas día a día, a pé de obra, fronte a outros medios enfuciñados en espallar o máis negativo da sociedade, esquecendo tantas iniciativas positivas que medran a cotío. Nesta tarde visualizamos a loita do músico bilbaíno, mesmo arestora afectado polo ictus que o arredou dos escearios, sen perder o ánimo e a enerxía. 

En Roca celebraban a este produtor musical, lembrando tamén a un veciño, Luís López Castro, que nos deixou o 29 de xuño, que sempre nos convidaba cada certame a vivir con ledicia a nosa cultura porque nesta parroquia sempre se cultivaron con agarimo as nosas tradicións, así erguendo mecos no Entroido. A irmá de Luís, a escritora Inés, cantou no pregón as raíces da súa parentela e da comarca.

Dun xeito analóxico, Radio Pardiñas vai reproducirnos varias intervencións de músicas/os que volven a mergullarnos e deleitarnos coa música de Kepa, así Sonia Navas, colaboradora do libro co mesmo título, Berpiztu, igual cós membros do grupo O Fiadeiro de Vigo. E non só coa palabra, tamén coa música que encheu de xoldra e amizade a palleira da Casa de Pontegafín ata o amencer do día seguinte.

Abofé que neste outono voltamos a renacer co alento e a paixón do cine e da música. Os que vimos de pasar por unha longa travesía de escuridade e enfermidade, eventos coma o xerado en Roca inxéctannos de saúde e vida. Así, convencémonos máis da nosa capacidade de sanadoras e sanadores na nosa vida común, achegando o mellor de nós.