Opinión

Co gallo do 43 aniversario da Constitución

A CONSTITUCIÓN española celebra o seu 43 aniversario nun ano significativo para Galicia no eido democrático, xa que se dá a feliz coincidencia de que se cumpren 40 anos do noso Estatuto de Autonomía. Só distan tres anos entre estes dous fitos transcendentais para a liberdade, a convivencia e a estabilidade en España, en xeral, e en Galicia, en particular. Unha proximidade no tempo que vén a reflectir que a Constitución e o Estatuto de Autonomía son expresións diferentes dunha mesma soberanía democrática, coa que temos vivido a etapa máis próspera e de progreso da nosa historia recente. Coa Carta Magna do 78, España e Galicia fúndanse e fúndense como democracias para converterse en realidades complementarias.

Sen o paraugas e acubillo normativo da Constitución de 1978 non é pensable o éxito do Estado das Autonomías, un modelo que se evidenciou útil e eficaz na xestión deste ano e medio de pandemia do covid. De aí que neste ano de dobre efeméride, defendamos desde Galicia a nosa autonomía política, pero sempre desde unha lealdade institucional e constitucional, porque non cabe dúbida de que as galegas e galegos estamos tan orgullosos da nosa identidade como de estar integrados nun proxecto común; que é España.

Precisamente, sendo leais á Constitución e sen deixar de facer uso de todas as responsabilidades, deberes e dereitos que nos marca o Estatuto, Galicia leva 40 anos facendo fronte ás situacións transcendentais coa toma de decisións claves, nas que fuxiu dos populismos e frivolidades que se están a converter na verdadeira ameaza das democracias. Dando así proba notable de solidez e madurez.

Esta responsabilidade co Estatuto e corresponsabilidade coa Constitución evidenciouse dun xeito diáfano coa pandemia, na que as comunidades autónomas xestionamos case en solitario a situación máis crítica, desde o punto de vista sanitario, dos últimos cen anos en España. As comunidades non esquivamos os problemas para combatela, aínda que iso nos supuxera peregrinar polos tribunais para aplicar medidas, que se evidenciaron eficaces e que tamén evidenciaron lamentablemente a falta de gobernanza real do Executivo central.

A Const i t u c i ó n española cumpre 43 anos nun momento crucial, no que todo apunta a que estamos a dar pasos para comezar a saír da crise sanitaria, social e económica que desencadeou o covid. Por iso, neste momento —tan delicado e importante á vez— é necesario volver insistir no si inequívoco e sen condicións de Galicia e dos galegos á Constitución; garante de estabilidade, unión e consenso. Tres valores que se teñen demostrado imprescindibles ao longo da historia para superar momentos de dificultade.

A comunidade galega inspírase na Constitución e non deserta do autonomismo constitucional para buscar vías ilusorias que se alimenten do antagonismo de todos contra todos, porque España ten sido testemuña de como a ruptura social só sementa o caos e xermola desgrazas. Este é, por tanto, o peor pecado que pode cometer un Goberno, e moito máis na situación actual na que nos atopamos; na que debemos asumir que o covid chegou para quedarse máis tempo do que cabería agardar.

Por iso, recollendo a lección que nos deron os pais da Constitución do 78 e do Estatuto de Galicia do 81 —a de tender pontes, aplicar o diálogo e aparcar diferenzas para exercer unha política útil— acabamos de celebrar en Compostela o Foro Santiago. Camino de Consenso. Oito presidentes de comunidades de diferente signo político —Asturias, Cantabria, A Rioxa, Aragón, Castela A Mancha, Estremadura, Castela e León e Galicia— chegamos a un acordo non contra ninguén, senón para aportar solucións aos problemas comúns que ten España agora mesmo, como son: a necesidade de consensuar unha financiación autonómica, priorizar a demografía e garantir que os fondos europeos Next Generation cheguen á economía real.

As oito comunidades tivemos como exemplo para o Foro Santiago o espírito co que foi elaborada a Constitución, e tamén o Estatuto de Autonomía Galicia, de establecer entre todas un punto de encontro para acordar e construír algo bo para as comunidades, para o conxunto de España e para a política, porque trátase de sumar e non de enfrontar, de defender xuntos aquilo que nos une e de enfocar conxuntamente os retos similares en todas as terras que compoñen España.

E, sen dúbida, o covid-19 e as súas consecuencias están a ser o maior desafío ao que nos enfrontamos todas as comunidades poñendo a proba calquera gobernanza. A pandemia supuxo un test de estrés dos servizos sanitarios, dos sistemas de atención social e da capacidade de apoio aos sectores máis afectados polas restricións; tensou as costuras de todas as economías, e deixou en evidencia as nosas fraxilidades, pero tamén as nosas fortalezas: entre as que continúan a estar a Constitución Española e o Estatuto de Galicia.

Nesta pandemia, ao igual que durante os seus 43 anos de existencia, a Constitución ten amosado a súa utilidade e flexibilidade para facer fronte a cambios profundos e momentos complicados. E a irrupción do covid está a ser un deles. Atopámonos, por tanto, nun momento no que é obriga estar e comprometerse coa Constitución; pola igualdade e fraternidade que defende para todos os pobos que conformamos España.

A pandemia e as súas consecuencias esíxenos máis ca nunca que todos os gobernos autonómicos esteamos no mesmo lado: no lado da concordia, do diálogo e da unión que nos concede e garante a Constitución do 78, a obra política e xurídica máis importante na historia de España; Carta Magna de estabilidade e de cohesión que, unha vez máis e no seu 43 aniversario, está chamada a ser crucial na superación desta crise.

Comentarios