Opinión

100 días de protección e reactivación

Feijóo. EFE
photo_camera Feijóo. EFE

A TRADICIÓN establece que os Gobernos teñen 100 días para definir o rumbo da súa acción. Un período de gracia no que existe unha actitude de cortesía ante os posicionamentos do novo Executivo, mentres este define as súas liñas estratéxicas e desenvolve os seus primeiros proxectos.

A pandemia mudouno todo e tamén isto. Galicia emitiu en xullo un mandato claro, no que esixía un Goberno que emprendese a marcha a velocidade de cruceiro, cunha folla de ruta clara e con maior capacidade de traballo inmediato ca nunca.

E iso foi o que tentou o Goberno da Xunta dende o minuto un. Non nos podiamos permitir titubeos, porque o desafío que afrontamos é vencer á maior crise sanitaria, económica e social da nosa historia recente.

E démoslle resposta co arranque de lexislatura máis intenso da historia recente da autonomía. Conseguimos poñer en marcha unha ducia de proxectos de Lei, entre os que destacan a reforma da de Saúde, a de Recuperación da Terra Agraria e os Orzamentos máis sociais da nosa historia, elaborados e tramitados en tempo récord.

Xestionamos a segunda onda coa maior axilidade, conseguindo que a resposta sanitaria fose máis eficiente, cun incremento da capacidade de diagnóstico, reforzos de persoal e o asesoramento do comité clínico, cuxas recomendacións nos axudaron a tomar decisións. Gracias a todo isto, Galicia segue a ser unha das comunidades nas que menos impactou a covid dende o comezo da pandemia.

Centrámonos nos máis vulnerables, poñendo en marcha todas as ferramentas para mellorar as condicións de vida dos nosos maiores —especialmente nas residencias— e para que as feridas sociais desta recesión sexan menos fondas. Galicia pode dicir con orgullo que nunca deu unha vida por perdida e que sempre está a carón de quen máis o necesita. Volvemos negar a falsa dicotomía entre saúde e economía. Nestes meses, as decisións que tomamos sempre se encamiñaron a evitar un segundo confinamento. Acompañamos as medidas de peche con plans de axudas dos que se puideron beneficiar 40.000 autónomos, microempresas e sectores como a hostalería, das máis altas de toda España. E logramos que a galega sexa unha das economías que menos caeu desde o mes de marzo.

Foron 100 días nos que primou a protección, pero nos que nunca perdemos de vista a reactivación económica. Fomos quen de presentar unha Lei de Simplificación para que a administración sexa a gran facilitadora da actividade económica e da creación de emprego. Presentamos unha candidatura seria e argumentada para a captación dos fondos europeos Next Generation, que agardamos que nos sirvan para darlle un pulo á modernización e dixitalización da nosa economía e a un cambio do noso modelo produtivo.

Estamos a traballar de cheo na construción da Galicia da próxima década, porque a pandemia pasará pero os desafíos de futuro seguirán presentes. Seguimos soñando cunha Galicia moza, familiar, verde e innovadora e seguiremos traballando para conseguir a mellor terra para nacer, crecer e construír proxectos de vida e de futuro.

Por iso, volvendo a ollada atrás a estes 100 días iniciais de Goberno, se un se pregunta se vale a pena ocupar responsabilidades de goberno por cuarta vez, a resposta é un si rotundo. Porque a única honra maior ca servir a Galicia é servila cando máis o necesita.

Comentarios