Opinión

O espírito de Julio Vila

Julio Vila. ARCHIVO
photo_camera Julio Vila. ARCHIVO

A DERROTA EN Granada foi dura. Moi dura para a familia celeste. Non pola diferencia no marcador, se non polas sensacións que transmitiron ambos equipos: un Breogán inoperante e un Granada que non parecía opoñer grande resistencia. Para moitos, unha moi boa oportunidade perdida para sentenciar na casa.

Pero a realidade é que a competición segue o seu curso e haberá unha última oportunidade, un cravo ardendo ao que temos que agarrarnos porque en verdade vainos a vida nel. O que pasou o sábado xa non existe, forma parte do pasado, e só queda mirar a un futuro inmediato que pasa por gañar dous encontros. Porque somos capaces, e xa o demostramos antes.

Julio Vila. ARCHIVOEsa oportunidade comeza no Pazo. Vir a xogar a Lugo é vir a xogar contra o Breo, o noso equipo, pero tamén enfrontarse ao efecto Pazo, o lugar onde se congregan tantas almas celestes, agora limitadas en número, pero igual ou máis efectivas no
apoio ao equipo.

Onde a xente que volveu de Granada cunha derrota ás costas clamará vinganza. Onde están os que viaxaron a Cáceres, a Los Barrios, a Ourense e tantos outros sitios e regresaron cunha inmensa dor pero máis breoganistas ca nunca. Onde están os que discuten que porían a este ou aquel xogador, pero que nisto van todos a unha. Onde están todos os que elixiron o escudo celeste como símbolo da unidade breoganista na rede. O lugar onde tantos desfrutamos de alegrías e tristura, pero onde nunca faltaron gorxas alentando e o aplauso aos nosos. E, aproveitando que se entregará un novo trofeo Julio Vila ao xogador da afección, o lugar onde o seu espírito perdura.

Espremamos a competición ata o final, gañémonos a oportunidade de estar o domingo en Granada. E que ninguén esqueza que caer estaba permitido, pero agora é obrigado poñerse en pé, mirar de fronte ao rival e ir a por todas. Máis que nunca, ForzaBreo.

Comentarios