"Os galegos necesitabamos dar un golpe na mesa e iso conseguímolo desde Lugo"

"Diante das industrias hai poucos gandeiros e moita xente que non se dedica ao sector"

O primeiro día que Roberto López Rivas, voceiro dos gandeiros concentrados na Ronda da Muralla, subiu ao tractor non pensou que encabezaría un movemento de centos de gandeiros en Lugo, pero ese liderado duroulle dez días. A desconvocatoria da tractorada, o pasado sábado, xeroulle antipatías en certos sectores nas que el só atopa uns culpables: os intereses políticos e sindicais
Roberto López, nunha das súas primeiras intervencións públicas
photo_camera Roberto López, nunha das súas primeiras intervencións públicas

Quere deixar ben clara unha cousa: todas as decisións que se tomaron nos dez días que durou a mobilización en Lugo foron respaldadas pola maioría dos representantes municipais dos gandeiros e nunca obedeceron a ningunha decisión persoal. Roberto López Rivas, o gandeiro de San Vicente de Coeo que se convertiu en líder dos produtores, pensa seguir adiante, loitando por unha plataforma de afectados polos baixos prezos do leite pero cunha premisa, a mesma que deu pé a desconvocar a tractorada: non participar en actos vandálicos.

Van xa tres días de boicot ás industrias por parte dalgúns gandeiros que quixeron seguir coa protesta. Que pensa vostede disto?

Este non é o camiño. As perdas son moi grandes. Por moito que lles vendan a moto, xa veremos o que se recupera despois.

Non podería ser esta a única vía para conseguir a suba dos prezos?

Non, hai outras vías. Os días que estivemos na Ronda conseguimos cousas tan grandes como poñer nerviosa a xente que agora cambiou de actitude.

Refírese aos gandeiros que non se foron con vostede?

Non, aos gandeiros que seguen formando parte da plataforma e tamén aos sindicatos. O estrano é que, nesas mobilizacións, frente as industrias, non está a haber só gandeiros. Máis ben, gandeiros hai poucos. Hai xente que non ten nada que ver co sector e está alí.

Pero logo quen son?

Son amigos dalguén.

Pensou algunha vez en convertirse no líder que foi?

Non. Subinme o primeiro día ao tractor sen pensar que a mobilización chegaría a ser o que foi e que eu pasaría a ser o voceiro. Subín porque estaba cabreado e só quería dicir o que pensaba. De alí formouse un grupo de reunión e empezaron a atacarnos a nós. Acusándonos de cousas e deixándonos en mal lugar. Estes días recibín moitos apoios, mesmo de xente que non me coñece. E críticas tamén recibín. Pero que quede clara unha cousa: eu sempre estiven ao lado dos gandeiros e sempre me desmarquei de calquer tipo de cor política. E se non, o tempo dirao.

Foron os sindicatos os que desfixeron a mobilización de Lugo?

Non cabe dúbida de que aquí houbo intereses políticos e sindicais, que é todo o mesmo, por detrás. Iso está claro.

"As perdas son moi grandes. Por moito que lles vendan a moto, xa veremos o que se recupera despois"


Dise que recibiu ameazas...

Non, ameazas non recibín. Ao contrario, houbo ofertas de achegamentos a certos partidos.

Viron en vostede un líder nato?

Non o sei, pero si que me solicitaron para reunións para achegar posturas comigo.

Cre que a desconvocatoria da tractorada pode ser vista como unha covardía por parte dalgúns gandeiros que, en principio, confiaban en vostede?

Nós non quixemos cargar con eses actos vandálicos. O sábado tiñamos solicitado, na Subdelegación de Goberno, concentracións diante das industrias e distribuidoras. Se había disturbios, os responsables eramos os organizadores desas concentracións, aínda que fosen outros, e non queriamos que iso sucedese. Non desconvocamos só porque romperan o carro de Lence. Foi tamén por outras cousas peores como cortar as mangueiras das cisternas ou parar os camións e tirarlles o leite.

E iso non lle deu unha mala imaxe, recuar neste momento?

Non foi Roberto quen tomou esa decisión, aínda que recoñezo que eu tiña medo. A decisión foi da maioría da asemblea formada por representantes de 45 concellos. Roberto só puxo a voz. Eu o único que fixen foi subirme a un tractor e dicir o que pensaba. Tamén dixen varias veces que prefería que falasen outras persoas e non eu. O concello de Lugo ten outros dous representantes pero non subiron a falar. É máis, eu, na asemblea, non tiña nin voto.

"Solicitáronme en reunións para achegar posturas pero non teño ningunha cor política"


Cantos gandeiros se desmarcaron da maioría da asemblea?

Poucos. O venres, cando decidimos ir ás grandes superficies, había 1.000 tractores na Ronda e só 40 decidiron marchar.

Despois de todo, non quedou algo frustrado tras romperse, deste xeito, a mobilización que encabezou durante dez días?

Non se rompeu nada. Foi algo moi bonito que non vai morrer. Pensamos seguirnos reunindo e constituírnos en algo.

Volverán ás andadas en outubro se non melloran as cousas?

Efectivamente. Mañá [por este martes] faremos unha nova asemblea os representantes dos concellos. Agora o importante é agruparse e vixiar que ese documento que prometeu o Goberno se leve a cabo. Se non, volveremos, sen ningún problema. Veremos se somos capaces de concentrar nós sós a xente. Coa mobilización de Lugo, unimos a moitos gandeiros de todas a cores políticas e iso xa foi moito, moitísimo.

As perdas son moi grandes. Por moito que lles vendan a moto, xa veremos o que se recupera despois

Política 

Comentarios