"O meu marido ten unha redución de xornada do 50%"

Lara Méndez: "Está bien tener referentes, pero mi objetivo no es ser igual que López Orozco"

Hai dúas cousas que destacan na primeira conversa coa nova alcaldesa de Lugo nada máis facerse cargo do goberno da cidade. Fala en plural e parece aberta a falar de todo con todos, sen prexuízos. En base a isto, rexeita mollarse sobre primeiras medidas e asuntos clave. Pode que tamén esconda indefinición. Axiña o saberemos.
Méndez, no balcón do Concello.
photo_camera Méndez, no balcón do Concello.

¿Cómo se sinte? ¿Impresiona tomar semellante relevo?

Pois con un pouco de pouso amargo por como foi todo, pero tremendamente orgullosa e satisfeita. Asumo o reto con moitísimo respecto e responsabilidade, tamén por substituír a un baluarte do municipalismo como foi Orozco, que fixo que Lugo dera un xiro de 180 graos. E con moitísima ilusión e ganas, moi necesarias.

¿Faille ilusión ser a primeira alcaldesa de Lugo ou cre que xa hai que estar por riba diso?

Faime ilusión porque por fin imos acadando responsabilidades, cotas de poder e espazos que non son habituais, que non é o máis normal, porque se non non estaríamos falando de a primeira de. O que pasa é que ten que desaparecer esa ‘coletilla’, que hoxe sexa unha alcaldesa, mañá un alcalde, mañá unha presidenta da Deputación, hoxe un presidente, alternar, que sexa normal.

Estivo con Orozco no seu último día como alcalde. ¿Deulle algún consello?

Sempre dá moi bos consellos. Creo que o que máis transmite é o que sempre aplicou: cercanía e proximidade cos seus veciños e coas súas preocupacións, que é a mellor baza que pode ter un alcalde.

Nese senso non ha de ser fácil igualalo...

Non, pero tampouco é o obxectivo. Non pretendo ser igual que Orozco. Primeiro porque son consciente de que non se trata de imitar a ninguén, cada un ten que ter o seu espazo, a súa personalidade, e a súa forma de actuar. Nalgunhas cousas seremos parecidos e noutras completamente distintos. Está ben ter referentes, pero non tratar de imitar.

No seu discurso louvou o legado de Orozco, pero tamén deixou claro que empeza unha nova etapa.

Empeza unha etapa nova, que ademais marcou a cidadanía o día 24. Un novo escenario político con seis formacións, que temos que ter o diálogo como bandeira para chegar a acordos e buscar solucións aos problemas da cidadanía.

É alcaldesa grazas ao BNG e a Lugonovo. ¿Séntese refén polo sucedido e polo que pode vir?

En absoluto, o que pase de aquí para adiante vai ser o que se fale e os acordos aos que se chegue, xa sexa un acordo programático, acordos puntuais en temas concretos... Vai ter que ser así durante os catro anos. E co resto das formacións tamén, inclusive o PP.

O BNG é un vello coñecido, pero de Lugonovo que pensa? Porque as palabras do PSOE ata agora non foron moi cariñosas. Achácaselles inexperiencia, contradicións...

É unha forza que se acaba de crear, progresista, e iso xa abre un espazo no que polo menos poderemos chegar a moitos puntos de acordo. É verdade que cando un non ten pasado non ten acertos, pero tampouco ten erros, que é o que se nos pode achacar máis a nós. Eles que teñen esa escasa vida política, ao mellor tampouco teñen unhas bases de partido coñecidas, terán que ilas poñendo en coñecemento según vaiamos avanzando.

O que pode dificultar a gobernabilidade.

Non ten por que ser así, as cuestións de partido teranas que debatir internamente. Nós o que imos intentar é chegar a acordos programáticos que estarán pensados única e exclusivamente en darlles uns servizos e unhas solucións aos problemas dos veciños. Aí deberiamos de entendernos todos, sobre todo as forzas progresistas.

Preferiría gobernar en solitario ou en coalición?

Nós imos a tenderlle a man a todo o mundo. Poñeremos as nosas bases e a partir de aí negociaremos, e se somos capaces de chegar a un acordo programático máis pormenorizado no que poidan formar parte do goberno, perfecto. Froito do diálogo poderemos chegar a un goberno de dúas, tres, catro, cinco... formacións.

Nesas negociacións, parece que vai ser clave a redución do gasto político. Veo viable?

Falar agora de números é complicado porque a situación é distinta. Non é o mesmo dotar de medios a tres que a seis grupos, a non ser que algún diga que renuncia á súa parte. É unha medida moi populista, pero no conxunto do presuposto municipal é unha cuestión mínima. Pero ímolo mirar.

A remunicipalización de servizos é outra das súas demandas. Que pensa ao respecto?

Todo está enriba da mesa, todo é estudiable e todo é mellorable. Pero vanme permitir coñecer un pouco máis os servizos, ver por canta xente están conformados e se temos capacidade de asumilo.

Hai varias investigacións sobre o Concello. Inquiétanlle?

As investigacións sempre causan inquietude, non é algo que sexa normal. Estase xudicializando en exceso a vida política, creo que non é bo, a xente está moito máis sensibilizada e incluso paraliza a administración. Non é cómodo, pero hai que aceptalo con total normalidade. A disposición ata agora foi total e seguirao sendo, como non pode ser doutra forma.

É probable que nos próximos anos cheguen decisións dos xulgados que poden ser importantes. Penso no Garañón, por exemplo.

Acataremos o que diga a xustiza. Respectámola sempre, aínda que ás veces non a compartimos.

De seguida vai ter que afrontar decisións importantes, como a do contrato da Ora. Cal é a súa idea?

Hai que ir por pasos. Primeiro conformar goberno, porque nós podemos ter unha idea pero despois teremos que consensualo co resto dos grupos. O noso posicionamento témolo claro, é continuar co servizo pero mellorándoo.

Entre o bo que recibe está un Concello economicamente saneado.

Iso é importantísimo porque os ingresos nas administracións están a sufrir unha merma e o feito de ter unhas contas saneadas permíteche ir a un endebedamento para seguir investindo na cidade.

Cal vai ser a súa primeira medida?

A primeira é conformar goberno e froito dese consenso facer unha fólla de ruta, pero as nosas prioridades son o emprego e os servizos sociais.

Comentarios