Lois Caeiro promete ''seguir siendo periodista'' tras reconocer el Diego Bernal su trayectoria

A presidenta do Grupo El Progreso, Blanca García Montenegro, con Feijóo
photo_camera A presidenta do Grupo El Progreso, Blanca García Montenegro, con Feijóo

Hai xornadas nas que emerxe o xornalismo máis puro, ese que adoita escribirse con maiúsculas, que están repletas de encontros e reencontros ou cheas de referencias aos grandes mestres da pluma de antes e de agora na comunidade galega. A de onte en Compostela foi unha delas. Alí volveron coincidir dous «amigos»: Diego Bernal e Lois Caeiro. O primeiro, para prestar o seu nome -e van xa vinte anos facéndoo- a un dos premios xornalísticos referentes de Galicia. E o segundo, para recibilo e comprometerse ante todos os presentes, foran colegas de profesión, amigos ou familiares, a «seguir sendo periodista».

A traxectoria profesional de Luis Rodríguez García, como se chama realmente o que é director de El Progreso desde hai 14 anos, foi merecedora do premio Diego Bernal 2015 que concede anualmente a Asociación de Periodistas de Galicia (APG), un galardón que supón para el un novo pulo «para seguir voando», admitiu.

«Este recoñecemento é un xesto de amizade dos que comparten oficio, que deciden axudarlle a un compañeiro repostando nel combustible gratuíto para seguir a viaxe por un camiño que, pouco a pouco, se vai facendo longo», dixo Caeiro. Á vez, lembrou, é «alento» para renovar forzas nunha tarefa que «sempre está inacabada».

Sen mitificar a profesión, que equiparou a calquera outra como «zapateiro ou cobrador de tributos», en ningún intre ocultou a súa satisfacción por entrar a formar parte dunha lista de galardoados nestas dúas décadas que «ata hoxe [por onte]», dixo coa súa habitual retranca, «era ilustre».

De moitos deses ilustres se lembrou na cerimonia, empezando por José Luis Alvite, o eterno inquilino do Savoy premiado o ano pasado e finado días atrás; e seguindo por Diego Bernal, «un amigo» que sempre que o precisou lle abriu «un paraugas» para gardarse e co que compartiu «magníficos momentos». No medio dun discurso fiado con humor foron desfilando outros nomes, entre os que Caeiro nunca esquece un dos seus mestres, Augusto Assía, curiosamente o primeiro gañador do Diego Bernal no ano 1996.

«Un precursor»

Alberto Núñez Feijóo, para o que Lois Caeiro é merecedor «indiscutible» do Diego Bernal «no obxectivo e no afectivo», cualificou o xornalista como «un precursor», ao posuír «unha das traxectorias profesionais máis intensas de Galicia» que abarcaron a comunicación política e económica ou medios diversos como a prensa escrita e a televisión.

No seu discurso, convertido en oda á liberdade de expresión e cun recordo ás vítimas de Charlie Hebdo incluído, Feijóo invitou os presentes a ler a Caeiro, Alvite, Bernal e «outros» que considera «testemuñas dun éxito sen precedentes, a transición, e, polo tanto, do autogoberno galego».

Un xornalismo «retranqueiro»

Do seu perfil e a súa presentación encargouse todo un veterano como Juan Ramón Díaz, director xeral de El Ideal Gallego, quen erixiu o seu compañeiro de El Progreso nun dos representantes «recios» dunha profesión «en risco de extinción». A Caeiro situouno como grande artífice dun xornalismo «noticieiro, fabulador, retranqueiro», que desborda unha cultura que ferve, con argumentacións «incontestables» que suscitan o interese da sociedade. «Lois Caeiro é unha persoa intelixente e crítica», agregou Díaz, un «profesional todoterreo que xa pertence á antiga usanza». «Os textos sen firma de Caeiro son pezas mestras», concluíu, non sen antes felicitar tamén a familia.

Compañeiros de redacción

A concorrida cerimonia reuniu no hotel Puerta del Camino da capital galega a representantes dos principais medios de Galicia, así como a amigos, familiares e compañeiros de redacción. Para estes últimos e, especialmente, para a presidenta do Grupo El Progreso, Blanca García Montenegro -gañadora do Diego Bernal en 2007-, reservou Caeiro un dos seus maiores agradecementos.

Comentarios