A Chaira

Muimenta prepárase para a Festa da Filloa

A XXVIII Festa da Filloa de Muimenta xa ten pregoeiro, Francisco López, o copropietario do Restaurante España, que colle o relevo do seu irmán Héctor, tal e como recordan dende a organización. A celebración, declarada como Festa de Interese Turístico de Galicia, será o vindeiro 1 de maio no recinto feiral Manuel Vila de Muimenta e está organizada pola asociación de empresarios da localidade, a través da comisión da Moexmu, que conta coa colaboración do Concello de Cospeito, da Deputación de Lugo, da Xunta de Galicia, da Universidade de Santiago de Compostela, e de Abanca, ademais de diversas empresas e particulares.

A intervención do afamado hostaleiro lucense estará seguida pola entrega de premios aos gañadores do XX Concurso de Debuxo e Relato da Filloa 2019, que ten como temática central as zocas. Aqueles interesados en participar terán ata este martes, 23 de abril, para presentar as súas propostas nos respectivos centros educativos, mentres que o venres día 26 será o último día para facerllas chegar á comisión. Tódolos traballos galardoados serán expostos durante a xornada da Festa da Filloa.

Así mesmo, os organizadores lembran que o cartaz completo das actividades se dará a coñecer nos vindeiros días e que "quedan poucas prazas" para acudir ao programa Luar da Televisión de Galicia, onde os veciños darán a coñecer un dos seus produtos estrela. A viaxe está prevista para o venres 26 e partirá do recinto feiral ás 17.30 horas.

VÍDEO: MOEXMU / VAGALUME PROFESIONAL

Comentarios