Opinión

Saltaperímetros

O saldo de Semana Santa, que agora non é o dos falecidos en accidentes de tráfico, senón o de sancionados por saltarse as restricións do covid, veu sendo unha cifra de dous mil e pico persoas multadas en Galicia. 1.644 polas policías do Estado (as que dependen de Marlaska) e arredor de 500 polas policías locais das cidades grandes. Con toda a miña solidariedade para os afectados, a min non me parecen moitas sancións.

Non me parecen moitas tendo en conta que dedicaron ao choio 6.425 axentes, que identificaron a case 50.000 persoas e controlaron 36.000 vehículos. Facendo as contas, cada axente sae a menos de tres multados por barba (en catro días) e só un de cada 22 cidadáns e medio dos identificados incumpría algunha norma. E digo que me parecen poucos porque eu mesmo estiven a un chisco de ser ‘proposto para sanción’ en Monforte en dúas ocasións, no prazo dun par de días. Nunha ocasión, mentres apuraba a todo meter un mencía na mesa traballosamente conseguida da terraza do Katanga vinte minutos antes. Eran as 21.05, e un coche patrulla parou a par de nós. A miña muller arrimou a cadeira pensando que o vehículo non daba pasado, pero non parara por iso: «No pueden estar aquí a esta hora. Volveremos dentro de poco y si no se han ido serán propuestos para sanción». A outra vez foi por fumar no medio do Cardeal. Tamén me advertiron amablemente que tiña que ir a un sitio máis aireado. Estame ben por caer na tentación de fumar despois de deixar de fumar. «Dios castiga —neste caso, ameaza con propoñer para sanción— sin palo ni piedra», di o refrán castelán. 

Se por cinco minutos e un pito estiven a piques de ser o sancionado número 2001 por partida dobre, moi ben se debeu portar a xente en xeral

Se por cinco minutos e un pito estiven a piques de ser o sancionado número 2001 por partida dobre, moi ben se debeu portar a xente en xeral. De feito, tan ben se portou que en Santiago de Compostela, foco turístico mundial, sendo Ano Santo e todo (ou quizais por iso) só houbo 50 multas nos catro días da Semana Santa. Non obstante, cando ía de volta á miña residencia habitual, coa ameaza de sanción aínda fungándome na cabeza, fixen a habitual parada na área de servizo de Guitiriz. Había unha ducia de coches, e deles tres coa matrícula de taller que identificaba a orixe. Un era da Coruña, outro de Girona e un terceiro de Salamanca. O coche catalán podía ser de segunda man con condutor autóctono respectuoso das perímetracións autonómicas, pero os ocupantes do salmantino facían xogo coa matrícula. Despois dixéronme que se quería ver matrículas exóticas, non tiña máis que achegarme ao aparcadoiro do Acuario Finisterre. Debían estar alí todos os saltaperímetros que non foron ver a catedral de Compostela. 

Deses 2.000 e pico propostos para sanción a maioría supoño que eran indíxenas e por infraccións tipo como non levar a máscara ben ou lacazanear nas terrazas, pero o interesante debían ser os apercibidos por estar onde non debían. As escusas que daban, quero dicir. Como o opositor venezolano Leopoldo López, que asegurou estar —coa familia toda— en Cambados para escoitar a colonia de exiliados do seu país (que se deben concentrar na vila do albariño por razóns que se me escapan). Ou esoutro que colleron porque no certificado laboral que se fabricou na casa asegurou estar desprazado en «Sanxenso» e deu cun policía local ao que non lle cadraba de todo o topónimo. 

Pero o que me gustaría escoitar serían os argumentos que deu ese lugués de 66 anos ao que colleron, entrando e saíndo de Francia coa policía detrás e circulando en sentido contrario pola autopista, carrexando no asento do copiloto o cadáver da súa muller, ao parecer camiño de Suíza. O home rompeu máis normas que Oscar Wilde, dende as do covid ata as de circulación, dende as leis de fronteiras ata as de sanidade mortuoria (sabían que existe unha policía sanitaria mortuoria?). Iso si que é saltar perímetros e non vir coa familia ás Rías Baixas dicindo que es representante comercial.

Comentarios