Opinión

Non crin nos Reis Magos ata os setenta anos

Recordos saudosos de infancia

Cando eu era pequeno había moita lama no inverno polos camiños e corredoiras da miña parroquia e das dos arredores. Iso sen contar cando se bota fóra cada inverno calquera dos seus ríos, regos e regatos, ou rebentan as fontes coas tronadas. A Terra Chá, xa se sabe, é pouco escorredía e por iso apoza moito a auga en toda ela. Seguramente que debido a iso, cando eu era pequeno os Reis non viñan ás aldeas da Chaira, polo menos que eu recorde. Xa teño setenta e pico anos e, coma case todos os da miña quinta, lembro con bastante claridade cousas da nenez e, non obstante, esquezo moitas de onte ou antonte, sen ir máis lonxe. 

Cando tiña oito, algo xa sabía dos Reis Magos e o que sabía non o vou contar agora, pero tiña que ser certo, porque o aprendera, na misa, na escola, no catecismo e algo na casa e daquela era certo case todo o que se aprendía neses ámbitos; claro, televisión ou radio que fixese competencia non tiñamos aínda.  

O que nunca me ensinara ninguén, nin na casa, nin o señor cura, nin a señora mestra foi a soñar con eles, cos Reis Magos itinerantes. 

Agradézoo, por que, se non se baixaban a andar pola lama, afeitos a atravesar desertos “en el lejano Oriente”, aforráronme unha frustración que podía deixarme marcado pra sempre. E mais, así e todo, sempre vivín con un certo desexo subconscente de soñar con eles. Tírame algo a psicoloxía, pero nunca din atopado nela resposta convincente á pregunta de por que me pasaría iso, tampouco llo consultei nin penso consultarllo a ningún profesional do pensamento por dúas razóns: Unha, porque xa non me fai falla, e outra, porque non estou xa pra que ninguén se poña a destriparme diante dos fociños as miñas, enmudecidas pero latentes carencias de hai sesenta anos, disecionándoas coa frialdade dun avezado carniceiro.

No mes de xaneiro do ano 1952, tiña eu sete anos e oito meses e recordo coma se fora agora mesmo que tiven ocasión de finxir durante uns 20 minutos que realmente cría nas súas Maxestades de Oriente coma eses señores tan serios que se rebaixan a levarlles ós máis pequenos o que queren ou o que poden os máis grandes.

Aquel ano veu á nosa casa aí polo nove de xaneiro a señora mestra, Dª Maruja de Granda, e díxome:

– Mira que te trajeron los Reyes por ser bueno.

Aínda eu non acabara de amilagrarme nin ela de sacar unha caixa do seu inmenso bolso, no que carrexaba tamén a comida pra xantar soa na escola mentres nós iamos á casa, cando se lle soltou a miña avoa:

– Pra que andivo con nada, Dª. Maruja. Como lle imos pagar todo isto? Xa bastante fai aturándoo na escuela. A ver ti como te portas, eh!

A mestra choscoulle un ollo á avoa; pero xa era tarde. Sen dicirmo, xa me dixera quen era a maga. Na caixa viña un relucente revólver de calamina, e varias caixiñas de corchos con fulminante que se lle poñían por diante no canón coma se foran tapóns. Ó disparar facían moito estrondo, sobre todo na boca do pozo que lles axudaba a resoar moito máis. Un dos fulminantes meteunos un bo susto a Onésimo de Ramón da Balseia, a Manolo de Virtudes de Ruco e a min aló en Valiña Folgueira cando se non ocorreu arrimarlle un misto.

Así que me familiaricei con aquela arma curta, pero sen chegar a disparala aínda, díxome a mestra:

– ¿Qué dices. Te gusta lo que te trajeron los Reyes Magos?

Eu respondinlle:

– Si, señora.

Volveu a insistir ela:

– ¿Mucho?”.

E volvín a responder eu de corazón:

– Si, señora, mucho, mucho, mucho.

Daríalle de boa gana unha aperta grande, pero non me atrevín, porque ela era a señora mestra e eu un neno pequeno. 

Como non había presa, mentres a madriña ía mirar polo lado de riba da casa se andaba por alí alguén máis da casa pra vir tomar un xerez ou un sanson con Dª. Maruja, ela seguiu falando comigo mentres eu ardía por probar como eran os estampidos do revólver:

– ¿Qué les digo a los Reyes? ¿Vas a ser bueno?

– Si, señora me voy a portar siempre bien en la escuela, y no he de decir nada aunque usted llegue tarde.

Cando se foi, díxome a mamá:

– Mira que bos foron os Reis. A ti quérenche máis ca min; porque a min nunca me trouxeron nada.

Eu dinlle a aperta que non gastara coa mestra e de paso díxenlle baixiño:

– A min tampouco, mamá. Foi a señora maestra.

Non insistiu. Só lle oín dicir polo baixo:

– Xa me parecía que era tarde. Ten coidado de non queimarte co fulminante e ós máis nenos non lles digas quen che trouxo o revólver, nin o leves nunca á escuela pra non teres que dar explicaciós. 

Teño que confesar que procurei alentar a ilusión sen tomar por ilusos ós demais, e tampouco matarlles os soños antes de tempo ós nenos nin ós grandes, porque sei que nada pode ser realidade se antes non foi soñado: por iso puxen en marcha algunha cabalgata de reis tamén polas aldeas, porque desde hai anos xa case non quedan camiños nin corredoiras cheas de lama no rural chairego, que xa hai tempo que temos estradas e pistas que cada vez están máis asfaltadas, especialmente onde se fixo a concentración parcelaria. Pero, axudando a manter a ilusión e a cultivar os soños, a quen aínda non fose tan escéptico o desenganado que perdese a capacidade de soñar, dábame pena dar pé pra que os nenos puidesen crer que os Reis fosen tan inxustos con eles como o fora a vida con seus pais. Por iso nunca me prestei a que se convertese publicamente a festa da ilusión noutra ocasión máis de presunción, de competición ou de decepción.

Vou interromper aquí por hoxe, pra seguir nun próximo capítulo. Saúdos e bos soños. 

Non crin nos Reis Magos ata os setenta anos (II)

Tempos de madurez adulta

Retomando as miñas vivencias de anos atrás, sigo con esta especie de pequenas memorias doutro Balbino que chegou a facer carreira. 

No desexo de ser o máis realista posible e de non ser motivo de enganos dos fregueses ou alumnos, nas prédicas e clases fun algo iconoclasta coa relixiosidade popular, porque aínda que sempre admirei e bendicín as cantigas de Reis, as panxoliñas, e mesmo algunha peza teatral sobre o Nadal, desmentín repetidas veces que se soubese con certeza que os Magos fosen tres e que aínda por riba fosen reis e de distintas etnias, porque no Evanxeo de Mateo só se fala “duns magos de Oriente“ que guiados por veces por unha estrela, tiveron que xogarlla a Herodes e levaron agasallos moi simbólicos ó Deus-Home feito Neno. Nin se din nomes, nin número, nin procedencia, nin propiamente condición social. Iso si, acostumaba a facer referencia a que moi soñadores debían ser aqueles homes pra botarse a andar sen rumbo fixo tras dunha estrela.

Así fomos chegando ó día de Reis, a Epifanía do Señor, do ano 2014, ano no que tiven prórroga pra poder cumprir os setenta. E xustamente o día seis de xaneiro dese ano recuperei parte da miña infancia e saíron á luz, coma se dunha longa e intemporal hibernación se tratase, os soños que latexaran durante tantos anos no meu subconsciente, referentes a poder crer nos reis magos como vulgarmente se entende esa credulidade e as múltiples tradicións que a envolven. 

Xogando coa imaxinación penso que, se verdadeiramente traen agasallos, o mellor que me trouxeron a min foron tres sobriñiños que me chaman: “Abuelo Manuel”. De menor a maior son: Ero de dous anos, Navia, de tres e Martiño. Este, que ten hoxe cinco, tiña daquela tres aniños, pero xa era moi espabilado. El andaba moi ilusionado cos Reis que xa os visitaran na gardería, e pra reforzar as súas conviccións infantís, marquei pola noite do día cinco ó pé da casa e fronte á ventá da miña habitación, as pegadas dun camelo. Pola mañá do día seis levei disimuladamente ó pequeno por alí e el, un chisquiño sobresaltado, díxome:  

– Abuelo, mira, as pisadas dun cabalo.

Moi sereno fixeime ben e respondinlle:

– Ai, non, Martiño! Os cabalos teñen as pezuñas redondas e unha soa en cada pé, que se chama casco; en cambio estas están partidas. Sonche de camello. 

Foi a máis o sobresalto e exclamou preguntando:

– Dos Reis!?

– Pénsoche que si. Eu oínos e mirei pola ventá, pero xa non os vin. 

Agarrouse a min o pequeno e con absoluta convicción afirmou:

– Eu vinos, abuelo!!

Foi tal a contundencia do neto, a limpeza dos seus ollos e a enerxía que me transmitiu coa súa maoíña dentro do meu puño, que así mesmo de pé como estábamos, pechei os ollos por un intre, relaxei a trapeliña do hipotálamo onde se crían os soños e… tamén eu os vin!! Vinos, si marchando sen presas un tras doutro pola chousa arriba e bamboleándose ritmicamente ó son das xorobas dos camelos.

Vanse cumprir dous anos e, aínda que a miña capacidade de soñar xa non é o que foi, cada vez que pecho os ollos con intención e miro cara á chousa sigo véndoos.

Non penso tampouco difundir moito esta nova experiencia, non vaia ser que se descolgue algún profesional das reaccións químicas que os lerdos, analfabetos de ADNs, confundimos co espiritual, dicindo que é normal que as neuronas se deterioren a certas idades. Pero, aínda que fosen tolerantes con chocheiras propias da senectude, habería máis de un que afirmase que só se trata dun invento fantasioso e non consciente do meu alter ego como mecanismo de defensa fronte a traumas infantís.

Nin me quero imaxinar que dirían se lles conto que ademais, ás veces, déixome ir e acaban levándome canda eles axeonllarme diante do Deus Neno ou dos Nenos de Deus.

Vai boa! Se a causa destes meus desvaríos son os traumas, moitos traumatizados houbo ó longo da historia e non quero nin pensar como estarían os que puxeron en marcha e manteñen con vida o Belén de Begonte.

Esa si que é unha factoría de soños pra persoas de tódalas idades, pero, non se me tome a mal, non é de todo orixinal. Non. Cada Belén, pero moi especialmente o de Begonte, é catalizador no que concorren máis de vinte séculos da gran Historia da Salvación soñada por Deus; máis de vinte séculos de pequenas historias de homes e mulleres, na súa maioría labregos e labregas, que soñaron e soñan coa salvación do rural; máis de vinte mil desexos de que reverta a historia da Chá e, acorde cos novos tempos, volva a haber e por mil primaveras máis, alguén que cante nela pra regalía do Patriarca Manuel e da súa Santa, Isabel.

Si, a de Hungría tamén, pero sobre todo a outra, a que unha vez esqueceu que xa non estaba en idade de ter fillos e, sen necesidade de fecundación in vitro, deulle un primo ó Enmanuel, que tampouco tivo pelos na lingua, e aínda hoxe dá moito que falar polo moito e ben que arremeteu contra a corrupción. Bueno, arremeter, arremeteron os dous.

E vou rematar, que xa dixen o que quería dicir e igual me dá por poñerme a matinar na relación que pode haber entre corrupcións e herodianos asasinos de soños e inocentes, por un lado, e polo outro, himnos anxélicos de paz na terra ós que, por teren corazón limpo, cren a boa nova de que se abriron os ceos para choveren do Alto un Neno-Salvador da humanidade.

Comentarios