Opinión

Máis ca nunca, sentidiño

Exploramos dende hoxe o que se deu en chamar a «nova normalidade», un camiño lento e incerto que iniciamos con ganas e esperanza e no que debemos poñer todo o sentidiño do mundo. 

Galicia chegou ao posto de saída grazas ao esforzo e á responsabilidade de todos e á xestión sensata do Goberno da Xunta. Abandonamos o estado de alarma porque estamos mellor ca outros territorios, de feito somos a autonomía con menos taxa de contaxio por cen mil habitantes e isto permítenos ir un paso máis adiante. A situación sanitaria está controlada pero o virus segue estando aí, por iso agora debemos redobrar a responsabilidade e non relaxarnos. Só así evitaremos volver ao punto de partida. 

Tal e como dixo o presidente Alberto Núñez Feijóo, abandonamos o estado de alarma para pasar a un de vixilancia sanitaria permanente. Non podemos retomar os costumes de antes de golpe, debemos ir pouco a pouco e con sentidiño. Esta palabra tan nosa, que tanto nos gusta empregar, cobra hoxe máis significado ca nunca. 

Hai que avanzar, si, pero con cautela. Só coidando de nós mesmos poderemos coidar de todos

As decisións que Galicia tomou para superar a pandemia foron acordadas por un comité de expertos e así seguirá sendo de aquí en diante. A Xunta elaborou un protocolo da actuación para saber o que facer en caso de rebrotes e isto é algo que debería facer tamén o Goberno de Pedro Sánchez. Non se pode repetir a improvisación, non é admisible. Haberá rebrotes, seguro, por iso debemos estar preparados. 
O estado de alarma non pode ser o mecanismo ao que se recorra nos vindeiros meses cada vez que se de un brote da Covid. A partir do vindeiro día 21 os españois poderemos movernos entre comunidades e por iso precisamos actualizar a lexislación sanitaria para regular a mobilidade en España cando se produzan novos rebrotes. 

Agardamos coma sempre cos brazos abertos aos que nos vistan, queremos que sigan vindo e gozando da nosa terra. Somos un destino seguro e queremos seguilo sendo e iso conseguirémolo se todos, os que estamos e os que virán, actuamos con responsabilidade. 

Hai que avanzar, si, pero con cautela. Só coidando de nós mesmos poderemos coidar de todos. Moitas familias inician esta volta á normalidade sen os seus seres queridos, será duro pero terémolos sempre presentes. Por eles, polo esforzo colectivo destes meses, especialmente dos sanitarios, por todos os que traballaron sen descanso no peor da pandemia debemos avanzar con senditiño.


 

Comentarios