Opinión

Restaurando a memoria lingüística

Un ano máis a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia (AFNLG) convoca por estas datas o Mes da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia. A este chamamento vanse sumando progresivamente concellos e asociacións de todo tipo, aínda que non na medida desexada; pero a constancia da pedagóxica convocatoria non ha tardar en dar seus froitos.


Os actos programados consisten na colocación de placas nas entradas dos cemiterios cun texto que di: «Na memoria de todas as persoas que xacen aquí, porque grazas a elas Galicia segue a ter cultura e lingua de seu», e a substitución de lápidas en castelán por outras máis concordantes coa cultura que profesaron os defuntos, contando cos praces familiares. Lembremos algunhas. A de Juan Ferreiro Ferreiro, ‘o gaiteiro de Laroá’ soterrado no seu cemiterio parroquial. Un acto de gratísima emotividade que impresionou ao xentío que acudíu aquel día ao camposanto. Outro, de singular natureza, foi o celebrado no cemiterio do concello de Mondariz-Balneario. O alcalde, José Antonio Lorenzo, atendendo ás suxestións da AFNLG remudou as lápidas de Enrique Peinador Vela e Enrique Peinador Lines, escritas en castelán por outras en galego, facendo xustiza á memoria galeguista de ambos os dous empresarios, pai e fillo, filántropos e mecenas da cultura galega. 


Incluímos tamén a sinatura da ‘Acta de Vontades’, documento que aqueles que os rubrican lles encomendan aos seus herdeiros preservar a súa memoria en lingua galega. O libros publicados co título ‘En galego, agora e sempre’ que se poden consultar en www.galeguizargalicia.gal, recollen moitas desas mandas testamentarias.


Don Álvaro Cunqueiro escribíu en vida o texto para a súa lápida. Quen non escoitou a recorrencia de moitos oradores dicir «eu quero, como quixo Álvaro Cunqueiro, mil primaveras máis para a lingua galega»? A cita descontextualizada da frase é un acto de filibusteirismo, porque boa parte dos que a repiten non son consecuentes con ela no ámbito familiar.


 Ao fío do dito véñenme á memoria algúns casos protagonizados por persoas de significada adscrición política que dirixen os servizos de normalización do uso do galego en moitos concellos rexeitando a nosa proposta considerándoa ‘tétrica’ (!). Non se comprenden estas afirmacións se temos en conta que as visitas aos cemiterios son algo tan natural como tradicional na nosa sociedade. Os mesmos que descalifican a galeguización dos cemiterios, sen embargo, acuden as celebracións de actos singulares no Panteón de Galegos Ilustres onde están soterrados Rosalía de Castro, Alfredo Brañas, Ramón Cabanillas, Castelao e Francisco Asorey, con cadansúa lápida en galego. 


Ramón Cabanillas escribíu: «¡Xuremos!/ Dereito ou torto,/ sin máis alcuño ni achego,/ doente ou san, vivo ou morto,/ gallego... ¡soio gallego!» . Rosalía de Castro tamén falou dos mortos: «Dos vivos amigos sodes/ mortos que ali tes descanso/e nin os nenos vos temen/nin a ninguén causás espanto». Castelao no ‘Alba de Gloria’: «Eiquí comeza a decaer a categoría do fúnebre cortexo, como decae Galiza ao trocarse en pobo vencido e subordinado». Estas referencias literarias denuncian a indixencia intelectual de moitas persoas que dirixen servizos de normalización do uso do galego e representantes políticos que deberíaan ter máis sensibilidade antes de facer alusións despectivas a unha proposta que pretende protexer a lingua galega como ben cultural que nos define como pobo. 


Dun tempo para acó algúns concellos convocan visitas guiadas a cemiterios singulares, mesmo en horas nocturnas, e, porén, a ninguén se lle ocorre calificar tales actividades culturais de ‘tétricas ou necrofílicas’. Non estaría de máis que os deseñadores desas visitas guiadas aproveitasen esas ocasións para faceren pedagoxía galeguizadora. Velaí porque son necesarias as convocatorias que desde a AFNLG pretenden reivindicar a restauración da memoria lingüística .

Comentarios