Opinión

Precisamos da nosa Policía (1)

A recente admisión para trámite polo Parlamento da iniciativa lexislativa do BNG para lle transladar ás Cortes do Estado a solicitude de transferencia das competencias de tránsito e seguranza viaria ven de nos lembrar que o mesmo Parlamento aprobou en maio de 2007, a Lei 8/2007, de Policía de Galicia, que constitúe Dereito vixente  e que dispuña unha integración inmediata da Unidade Adscrita da Policía Nacional a Galicia (500 prazas das que menos de 400 están cubertas, por mor da neglixencia da Xunta e do Goberno do Estado) que non executou Núñez Feijoo ao longo de doce anos de goberno, en claro incumprimento da lei e frustración da carreira profesional da policía que serve na Unidade Adscrita, dependentes orgánicamente do Goberno do Estado e funcionalmente da Xunta e, xa que logo, sometidos á indefinición  normativa e ao absurdo da dependencia de discrecionais comisións de servizos cando non á perda de dereitos laborais. 


 O recente protagonismo da Xunta como Autoridade Sanitaria común amosou a necesidade dunha Policía Administrativa que garanta o cumprimento das ordes e resolucións da Administración Galega nos seus eidos competenciais (saúde pública, ambiente natural, medio rural, urbanismo, xogo, violencia machista, ordenación do territorio,protección de menores e incapacitados…). E amosou  as graves limitacións de medios humanos da actual Unidade Adscrita para server as necesidades integrais do Goberno galego, como peches perimetrais complexos.


  Galicia ten tres níveis de Poder: estatal, autonómico e local. Xa que logo haberíamos ter tres policías: estatal, autonómica e local, como teñen en Catalunya, Euskadi, Navarra e Canarias e nos sistemas federais e plurais todos (Reino Unido, Alemaña, Suiza, USA, Canadá, México, Arxentina ou Australia). O outro, o de agora, é unha auténtica disfuncionalidade.


  A lei de 2007 enxergaba tamén que a Policía de Galicia asumise as competencias en tránsito e seguranza viaria e, xa que logo, por iniciativa do vicepresidente Anxo Quintana, PSOE, PP e BNG aprobaron por unanimidade no 2008, sendo presidente do PPdeG Núñez Feijóo, unha proposición de lei orgánica para transferir estas competencias a Galicia, que as forzas estatais traizoaron coa súa abstención (PP) ou voto en contra (PSOE) no Congreso en setembro de 2010. 


Existía daquela o consenso de facilitar o traspaso das persoas que servisen en Galicia na Garda Civil de Tráfico (GCT) á Policía de Galicia , mesmo de abrir a porta a que centos de  persoas galegas con destinos policiais fóra do País puidesen optar ás prazas da Policía autonómica. Naquel entón, organizacións representitativas da GCT na Galicia amosaban o seu total apoio á integración na Policía autonómica, pois que o traspaso favorecería as condicións salariais e de servizo dos funcionarios policiais de tráfico, malia que advertían tamén que os mandos militares da Garda Civil seica non estaban tan dacordo.

Comentarios