Opinión

Garantir os nosos cartos

A falcatrúada da ministra Montero á conta dos 200 millóns de euros recadados polo Ive na Galicia en decembro de 2017 acadou o rexeitamento xeralizado da cidadanía. Mais cómpre tirar deste fío para entendermos a inxustiza dun sistema de financiamento que condena á insuficiencia de recursos á sanidade galega e demáis servizos públicos.

200 millóns de euros son o 8% dos 2.500 millóns adebedados ás comunidades autónomas todas, agás Euskadi e Nafarroa que recadan cadanseus impostos. Logo recadamos por Ive bastante máis que o que nos cómpre por PIB (5,5% do total estatal) conxunto do Estado. Isto quere dicir que a actividade económica real é moi superior á contabilizada a prol de Galicia. Por exemplo, PSA e Alcoa teñen o seu domicilio fiscal fóra do País e computan fóra.

Os números son abraiantes. No 2017 recadáronse 12.214 millóns de euros de impostos, dos que só uns 7.650 millóns voltaron ao Orzamento da Xunta vía financiamento do Estado. Os 4.700 millóns da diferenza fican en Madrid. Porén, hai que pagar os policías, defensa, xuros da débeda e demáis servizos estatais. Mais non valen 4.700 millóns ao ano. Euskadi paga entre 1300 e 1550 millóns co 6,24% do PIB estatal. Galicia, co 5,5% habería pagar uns 150-200 millóns menos. Si, botaron ben a conta: perdemos (por non dicilo doutro xeito) 3300-3400 millóns ao ano que van a Madrid e non volven.

Os nosos concellos receben do Estado só o 3,3% dos fondos de financiamento local, cando por poboación nos cumpre o 5,2%. Porque Madrid financia directamente cada concello priorizando a súa poboación. Velaí a perda de 600 millóns ao ano que mellorarían o financiamento dos servizos públicos locais en Galicia.

O unionismo centralista adoita opór a estas punxentes realidades a insuficiencia das cotizacións galegas á SS para financiarmos as prestacións que percebemos na Galicia. Mais se os impostos son cuestión de territorios as pensións perténcenlle ás persoas. Moitos pensionistas galegos gañaron o seu dereito de pensión cotizando fóra do noso País. Mesmo o seu ventureiro regreso a Galicia no outono da súa vida supón unha tensión engadida para o financiamento da sanidade pública galega.

Xa que logo, votemos para financiarmos os nosos servizos recadando os nosos impostos, sen acreditarmos na ladaíña dunha inexistente solidariedade que só tenta anular o noso autoaprezo.