Opinión

Fin de Eta

Eta naceu en 1959 dun conflito político, como escisión do mesmo PNV que constituira a columna vertebral da resistencia do Goberno vasco presidido polo lehendakari Aguirre á invasión do exército rebelde dos xenerais Franco e Mola (1936-37). Trátase dun grupo político que decide a loita armada contra un réxime de  facto que oprimía Euskadi, como facía con Galicia (onde loitaron as guerrillas do maquis até 1964), Catalunya e  o resto do Estado español. As mortes do policía represor  Melitón Manzanas (1968) ou de Carrero Blanco (1973) hai que velas nese contexto. Mais moi axiña Eta converteuse nunha máquina de matar illada de toda consideración política. E non certamente cando o terríbel atentado do Hipercor ou  o asasinato de Miguel Ángel Blanco, senón antes, moito antes. En setembro de 1974, Eta matou trece persoas e feriu ducias nunha cafetaría da madrileña rúa do Correo, optando de vez polo terrorismo. Dende entón a súa foi a lóxica do sangue e do terror. Até sumar 857 vítimas. Non é certo, como se ten dito pola maioría dos opinadores do Madrid mediático, que Eta colgase as armas no 2011 e acordase a súa disolución agora exclusivamente por razóns  de derrota policial e xudicial. Pola contra, as razóns últimas da derrota de Eta son políticas. Durante moito tempo mantivo certa afección entre un sector da poboación vasca, afección que desaparecería moito antes de non ser polos crimes do GAL. Mais dende a morte de Miguel Ángel Blanco a esquerda abertzale vasca comezou rexeitar ser dirixida pola organización terrorista e situouse, progresiva mais rapidamente, fronte á violencia. A tregua de 1998-99 hai que vela neste contexto. E a súa ruptura constituou o principal fito no proceso de independendización da esquerda abaertzale a respecto da organización terrorista.     O Estado tamén actuou ás veces fronte a Eta con armas ilegais, tortura e guerra suxa. O GAL, nado no mesmo cerne do Goberno socialista de Felipe González, causou 26 mortes en 40 accións e antes os gobernos franquistas usaron do Batallón Vasco Español ou de ATE. Por outra banda, dende a ruptura da tregua, no 1999, o Estado extendeu a loita contra sectores abertzales que non eran responsábeis de accións terroristas, como na operación contra o xornal Egunkaria. Eran aqueles tempos do “todo es Eta” que dicía o xuíz Garzón. Vén de dicir  Eulalia Lluch, a filla do socialista asasinado por Eta Ernest Lluch, que  “vítimas son todas, as de Eta as do GAL e os torturados”. Agora é o intre da paz e da política. De pasar páxina. Logo, iso si, de lela antes. 

Comentarios