Opinión

O erro Pérez de los Cobos

O meirande erro do ministro Grande-Marlaska foi manter o coronel Pérez de los Cobos no seu cargo cando accedeu en xuño de 2018 ao Ministerio, o mesmo que fixo co resto da equipa do ministro Juan Ignacio Zoido nos postos máis salientábeis do cumio da Policía Nacional (PN) e da Garda Civil (GC).  Mesmo mantivo moi boa parte da equipa da chamada “policía patriótica” (inserida no seu día na Dirección Adxunta Operativa-DAO- da PN) até cando menos o verán de 2019.

Neste contexto, é evidente que o cesamento do coronel é outro grave erro, pola súa evidente conexión co seu rexeitamento a dar conta dunha información da que non debería dispor, pois que o capitán-xefe da policía xudicial operante no traballo da pericial requirida polo Xulgado de Instrución nº 51 de Madrid nas pescudas a respecto da relación entre o Delegado do Goberno e a demostración do 8-M dependía só desta xuiza ao abeiro do artigo 125 da Constitución. Porén, esta dependencia xudicial non xustifica a parcialidade e graves inexactitudes da devandita pericial. Mais esa é outra historia.

Porque agora abrollararon dous problemas. En primeiro lugar, a existencia dunha cadea de mando na GC (coroneis e xenerais retribuídos con grande soldos, moi superiores aos dos comisarios e comisarios principais da PN) que reivindica a súa autonomía fronte ao Goberno do Estado, sen dúbida por se considerar parte dunha elite funcionarial integrante do poder real ou deep state . Mais tamén abrollou o xogo ambivalente do PSOE, que usou desta cadea de mando cando lle pareceu rendíbel, ao longo de todos os seus gobernos dende 1982.

Pérez de los Cobos presentouse de camisa azul falanxista nun cuartel da garda civil o 23-F de 1981 para apoiar a enxurrada golpista. Foi absolto por falla de probas dunha moi grave acusación por torturas na Euskadi de 1992 ( no xuizo foron condenados tres dos seus compañeiros) e dirixiu o dispositivo de represión do Ministerio do Interior contra o referéndum catalán do 1-Ou de 2017, que causou 1066 feridos e tivo de ser detido, contra as 15-16 h., por Mariano Rajoy diante do rexeitamento amosado pola chancelera alemá Angela Merkel. No xuizo dos soberanistas cataláns perante o Tribunal Supremo estatal construiu un relato abertamente parcial en contra dos presos políticos, incompatíbel coa documental achegada no caso, nomeadamente as ducias de videos dos incidentes ocorridos. 

Se a esquerda española pensa que xente como Pérez de los Cobos ten oco nun seu Goberno teñen un problema moi grave. E amosa ser  pouco confiábel.

Comentarios